Antonio Seijas e A Chaira

O 28 de abril teremos o último encontro literario do curso académico 2021-2022. Nesta ocasión o convidado será Antonio Seijas e con el nos deixaremos levar polas paraxes e vidas que poboan a súa obra de banda deseñada, A Chaira (Alita Comics, 2020)

Antonio Seijas (Ares, 1976)

Licenciado en Historia da arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Antonio Seijas é tamén  artista plástico, escritor e autor de banda deseñada.

Comeza a súa andaina no mundo da banda deseñada e ilustración coa obtención do segundo premio no concurso de cómic da revista cultural Desafío, no ano 1994.  Despois virían as súas colaboracións con caricaturas e ilustracións en diferentes publicacións como a xa desaparecida revista  Golfiño, un clásico na banda deseñada galega infantil e xuvenil, malia a súa curta existencia (1999-2004), coa que colaborará durante o ano 2003; ou as súas continuadas achegas de ilustración na revista Murguía.

Posteriormente chegaría unha imparábel carreira artística con exposicións, deseño de cubertas para autoras e autores, ilustracións interiores, imaxes para libretos de grupos musicais, creación de libros propios de banda deseñada, obras de literatura infantil e xuvenil ou libros de poemas. Toda esta labor múltiple ten o recoñecemento a través da obtención de numerosos galardóns, tanto en Galicia como fóra do noso país.

A día de hoxe ten publicadas catro novelas gráficas:

Un hombre feliz, coa que obtivo o premio Castelao de banda deseñada da Deputación da Coruña en 2006, e o premio do público ao Mellor Guión no Saló del Cómic de Barcelona (2008). Publicada en Edicions de Ponent, achéganos a historia dun home atormentado por algúns acontecementos do seu pasado.  Foi adaptada a formato radio-teatro pola Radio Nacional Eslovena.

Cartas de Inverno,  adaptación á banda deseñada da novela de Agustín Fernández Paz. Acadou o Premio Isaac Díaz Pardo ao Mellor Libro Ilustrado pola Asociación Galega de Editores (2012).

“Este Cartas de inverno de Antonio Seijas recolle a historia, os personaxes e os ambientes que creei no seu día, comezando pola omnipresente mansión onde todo sucede. Trátase da mesma historia, narrada a través da linguaxe do cómic e a través doutra mirada. A capacidade de suxerir que teñen as palabras trasládase aquí ás elipses narrativas. A tensión creada coas palabras trasládase ás imaxes e á montaxe das viñetas. Os estados de ánimo atopan a súa correspondencia na paleta de cores utilizada polo autor. Todas as pezas encaixan para conformaren unha obra con valor de seu. De aí que declare a miña alegría ante a publicación destas novas Cartas de inverno.”

(Agustín Fernández Paz)

 La Luz, con prólogo de Álvaro Pons (Edicions de Ponent, 2014), foi nominada á Mellor Obra Nacional en Expocómic (2014).

A chaira, publicada por Alita Comics acadou o Premio á Mellor Libro de Banda Deseñada do ano na Gala do Libro Galego 2020. Tamén traducida ao español.

En 2019 sae publicada na editorial Galaxia a súa primeira novela xuvenil O Soño da Serpe. De novo, protagonistas femininas e historias enlazadas entre o pasado e o presente.

“Luz é unha moza especial, só que ela aínda non se decatou. A piques de comezar un novo curso na universidade, coñece unha muller en busca do seu pasado, e embarca con ela nunha aventura chea de misterio, soños, autocoñecemento e historias que se entrecruzan e das que será parte ata o fin, ao tempo que comproban que a natureza garda segredos impensables.”

Blog de Galaxia

En 2021 acada o XXXVII Premio de Poesía Cidade de Ourense coa súa primeira obra neste xénero, Teorías do Fin (Aira Editorial, 2022).

Tamén realiza traballos de ilustración para obras doutras autorías, especialmente de literatura infantil e xuvenil. Podemos citar, entre outras as creadas para a obra de Ramón Loureiro La Oruga en el bosque creciente; as capas de Nubes de evolución, de Andrea Maceiras; O corazón de Júpiter, de Ledicia Costas; Eu, pel, de Teresa Gonzalez Costa; O Códice do Santo Lugar, de Pere Tobaruela; Amar unha serea, de Rivadulla Corxón; Todo ben, de Manuel Rivas;  entre outros.

Participou en volumes de autoría colectiva como o libro homenaxe a Joan Manuel Serrat (de edición de exemplar único), con autores como Forges, Cels Piñol ou Xaquín Marín. Fixo tiras cómics en 2005 para a revista infantil Iguana (Arizona, Estados Unidos).

Igualmente, ten creadas capas e ilustracións interiores dos libretos de discos para diferentes grupos musicais como Luar na Lubre;  os noruegos Gazpacho, para quen elaborou a parte gráfica de varios álbumes; capa de Up stairs, de Tim Oneal; para Marillion e a canción Gaza ou para a edición deluxe Happiness is the Road; a portada do disco de Steve Merlin, Between Air And Wing; ou outros como Steve Wilson.

Creador de logos como os da Fundación de David Lynch. Colaborador de series de TV, onde son visíbeis as súas creacións. Un exemplo é a serie “La que se avecina”, onde as ilustracións de Antonio Seijas enmarcan algunhas escenas.

Entre as súas exposicións salientamos:  Silencio na luz, (Casa Museo Casares Quiroga, 2019), a exposición de ilustracións de discos (Ramses by Philippe Stark , Madrid, 2014) ou a realizadas na Galería Sargadelos de Ferrol (2015) na Escuela de Finanzas de Oleiros, Casa Museo María Pita en A Coruña ou a Sala de Exposicións de San Martín Pinario , Santiago de Compostela.  Curou e deseñou a exposición do 30º Aniversario de Luar Na Lubre para os que tamén realizou as sesión de fotos oficiais en varias ocasións. Tamén participou en exposicións colectivas como Ilustramundos (Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela, 2012)

Alén dos premios xa mencionados, ten obtido outros moitos, así como varios accésits e quedado finalista noutras ocasións: Accésit no concurso de BD “O Alfaiate” (A Coruña 2004), premio  no VII Concurso de Caricaturistas Noveis dentro da VII Bienal de Caricatura de Ourense (2004), finalista do concurso de cómic da Xunta de Galicia Na Vangarda 2004, accésit no VII Concurso de Cómic “Alcazul Tomelloso” (2004), 2º Premio no concurso de BD O Alfaiate-Empuje.net (A Coruña 2005), 1º Premio no concurso de cómic Ciudad de Dos Hermanas (Sevilla 2005), 3º Premio no concurso de cómic Mari Puri Express do concello de Torrejón de Ardoz (2005), 2º Premio no X Certame de banda deseñada de Arteixo (2005).

Entrevistas a Antonio Seijas:

Entrevista no Eirado a Antonio Seijas (Pemón Bouzas)

Ramón Loureiro. La Voz de Galicia (25/10/2021)

Alberto Sánchez. La Voz de Galicia (4/7/2013)

As imaxes foron tomadas do blog do autor, co seu permiso.

Estas entrada foi publicada en Antonio Seijas, banda deseñada coas etiquetas . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s