
Eduardo Castro Bal CC-BY-SA 3.0
Con formación académica en letras e ciencias, María Solar é escritora e xornalista. É licenciada en Bioloxía (Universidade de Santiago) e Xornalismo (Universidad SEK, en Segovia), diplomada en Maxisterio (Universidade de Santiago) e especialista en Información Ecolóxica e Ambiental (Politécnica de Madrid). Actualmente traballa na Televisión de Galicia e na Radio Galega, presentando o programa A Revista Fin de Semana da TVG, que se emite sábados e domingos, no que se inclúen reportaxes e conexións en directo con lugares da nosa xeografía, e Chamando á terra, programa semanal de libros en galego. Ten traballado tamén como actriz de dobraxe.
A súa traxectoria profesional no mundo da comunicación e xornalismo transcorre na TVG onde presentou os programas : Zigzag Diario, Ciencianosa, En pé de festa ou Arrampla con todo, entre outros. Na Radio Galega dirixiu durante oito anos a revista diario As tardes da Galega.
Acadou varios recoñecementos á súa labor como comunicadora e xornalista, entre eles o premio Mestre Mateo (2012-2013) polo seu programa Zigzag Diario da TVG, e na mesma convocatoria foi finalista como Mellor Comunicadora de TV. Tamén recibiu o 2º premio Galicia Innovación de Xornalismo de Investigación, e o premio nacional Ciencia en Acción do MEC en 2005 por Arrampla con todo.

Eduardo Castro Bal CC-BY-SA 3.0
Polo que se refire á literatura, ten publicadas obras tanto para público adulto como infantil e xuvenil, moitas delas traducidas a outros idiomas (castelán, catalán, portugués, italiano ou polaco, e proximamente italiano, chino e filipino). Acadou, tamén nesta campo, numerosos premios. En literatura infantil e xuvenil:
Boa sorte e O tempo do revés (Baia, 2008), O fillo do Pintamonas (Tambre, 2009), Vou ter un irmán!!! (Galaxia, 2011), As meigas de Lupa (Xerais, 2012), A verdadeira historia da mosca da tele (Galaxia, 2012), a obra máis galardoada), Teño uns pés perfectos Kalandraka, 2015), O meu pesadelo favorito (Galaxia, 2015). Esta última obra é a que máis premios e recoñecementos acadou, foi premio Lazarillo de creación literaria 2014, Libro do ano 2015 na revista Fervenzas Literarias e premio ao mellor libro infantil-xuvenil na I Gala do Libro Galego. Asemade foi incluída na listaxe anual White Ravens 2015 da biblioteca de Munich, que inclúe os libros considerados mellores do mundo. Tamén nesta listaxe, no 2016, estará Teño uns pés perfectos. Outros premios foron para Vou ter un irmán!!! (Premio Frei Martin Sarmiento 2013) e A verdadeira historia da mosca da tele (Premio Frei Martin Sarmiento 2014).
Para todos os públicos ten Os nenos da varíola (Galaxia, 2017) e Quieres ser periodista? (Siruela, 2017).
Tamén ten libros sobre ecoloxía: O noso mar (Lea, 1999) e Ecoloxía na aula (Lea, 1997).
Conta cunha entrada en Portico of Galician Literature.
Para coñecer máis sobre María Solar está a súa propia web, na que podemos ver novas e ler un pouco sobre cada unha das súas obras, e a entrada na web da AELG. E sobre a súa obra hai artigos de prensa e revista, entre eles:
María Solar, Premio Lazarillo. (2014). Grial: Revista Galega De Cultura, (204)
Penelas, P. (2017a). A expedición Balmis: Os nenos da varíola, María Solar, Galaxia, 2017, 208 páxinas. Grial: Revista Galega De Cultura, (55), 71-72.
Penelas, P. (2017b). A expedición Balmis: Os nenos da varíola, María Solar, Galaxia, 2017, 208 páxinas. Grial: Revista Galega De Cultura, (55), 71-72.
Solar, M. (2017). Los niños de Balmis: La expedición que llevó a América la vacuna de la viruela. Mètode: Revista De Difusión De La Investigación, (95), 24-29.
Na web da AELG hai un vídeo cunha entrevista realizada á autora no Museo Fundación Eugenio Granell (Santiago de Compostela, 2014). Cales son as liñas de creación actuais da túa escrita? Describe a evolución da túa biografía literaria e bibliografía de forma que nos permita comprender como chegaches aos teus actuais intereses creativos.
“No hospicio da cidade da Coruña , en 1803, os nenos sobreviven a duras penas. Nin eles, nin a súa reitora Isabel Zendal, poden imaxinar de que maneira lles cambiará a vida a chegada do doutor Balmis e a súa expedición médica. Só o ilustrado doutor Antonio Posse Roybanes coñece a envergadura do propósito destes homes que pretenden levar a recentemente descuberta vacina da varíola ata o Novo Mundo. Vinte e dous orfos procedentes de Madrid, A Coruña e Santiago conformarán unha cadea humana “brazo a brazo” para levar a vacina aos territorios de ultramar nunha das maiores xestas médicas realizadas na historia da humanidade.” (Resumo do libro na web de María Solar).
Nesta obra María Solar achéganos á vidas de Isabel Zendal, á de Antonio Posse, primeiro en vacinar desta enfermidade en Galicia, e á deses nenos, procedentes dos orfanatos de Compostela e A Coruña, que a acompañaron na expedición a América para levar, no seu propio corpo, a vacina da varíola. Fálanos a novela do tempo previo á expedición, a vida dos seus protagonistas. Recupera así un fito histórico e humano, parte da memoria de Galicia, e do que aínda quedan moitos interrogantes. Faino con grande sensibilidade, mais tamén reflectindo toda a crueza da vida daqueles nenos e nenas que malvivían nos orfanatos. A novela está moi ben documentada, froito dunha grande labor de documentación, para despois ser ficionada pola autora.
A novela saíu simultaneamente en galego, español e catalán (Galaxia, Anaya e Bromera).
Coincide a súa publicación coa da novela A flor de piel, de Javier Moro, e a estrea da película 22 ángeles, de Miguel Bardén, que tamén recrean a historia.
Entrevista que lle fai Ana Romanía a María Solar no Diario cultural do 25/05/2017 (min. 1:15)
As imaxes do post son de Eduardo Castro Bal e teñen licencia CC-BY-SA 3.0.
podrias facer unha opinión personal basada nos sentimentos teus mentras leías o libro?