
Lorena Conde (Pontesampaio, 1980) é unha autora versátil: escritora, dramaturga, actriz e artista plástica. É licenciada en Filoloxía hispánica e postgraduada en Arte dramática pola Universidade de Santiago de Compostela. Na escola Mestre Mateo obtivo o título de graduada superior en Artes aplicadas e Deseño das Artes Aplicadas da Escultura.
A súa actividade no teatro móvese entre a dramaturxia, a dirección, creación e adaptación de textos e interpretación. Tivo o seu inicio como actriz en agrupacións de teatro universitario como Captatio Benevolentiae ou Enlata teatro, que dirixiría entre 2015 e 2018. Dirixe outras compañías de teatro amador como Farrapo teatro, para a que escribe Frío, obra coa que acada, en 2016, os premios ao mellor deseño de vestiario, mellor dirección e mellor espectáculo no X Festival Internacional de Teatro Cale-Se en Vila Nova de Gaia, Portugal. Desde 2013 é co-fundadora da compañía profesional Matrioshka Teatro, onde traballa como atrezzista, actriz e escritora, para a que escribiu o seu espectáculo Manawee. Esta compañía foi merecedora en varias ocasións do Premio de teatro María Casares.
Entre os anos 2013 e 2014 crea o Proxecto de creación escénica AD HOC en colaboración coa
Facultade de Ciencias da Educación da USC e a Rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago.
En 2017 cofunda a compañía A Feroz, para a que escribe AFTERPARTY (2018), Santa Inés (2019) e Do pracer da morte, as dúas últimas tamén dirixidas por ela.
Dende 2009 ten un espazo de experimentación artística, A Maranha, especialmente focado á investigación en novos materiais de xoiería e tamén obxectos para a escena.
Alén da súa obra dramática, ten publicados catro poemarios: Entullo (Deputación da Coruña, 2017), O perfil da boca (Urutau, 2020) e As puntas da louza. Cancioneiro de labor (Aira Editorial, 2021) e Ave do paraíso (Apiario, 2021). Co primeiro acada o XVIII Premio de poesía Miguel González Garcés, co terceiro o XXXVI Premio de poesía Cidade de Ourense e co último, publicado por Apiario, o I Premio de Poesía Filomena Dato. En As puntas da louza. Cancioneiro de labor a autora dá voz ás mulleres obreiras e ás opresións ás que son sometidas no seu traballo diario.




Igualmente, foi galardoada en 2020 co III Premio María Victoria Moreno polo seu libro xuvenil Velloucas e minchas, publicado por Cuarto de inverno. Un libro de protagonistas femininas e interxeneracionais que xira arredor dunha realidade cada vez máis actual, o acoso inmobiliario. Tamén Cuarto de inverno, dentro da colección infantil, acolle o álbum ilustrado por María Brenn, As mil vidas de Dorotea, onde a autora se achega á vida da mestra e actriz Dorotea Bárcena, desde o teatro, a poesía e o ensaio.


Santa Inés publícase en 2019 da man da editora galego-luso-brasileira Urutau. É levada a escena pola compañía A Feroz, Interpretada por Inés Salvado (actriz e cantante, en De Vacas) e dirixida por Lorena Conde. A estrea foi o 20 de decembro de 2019 na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela e posteriormente viaxou até o festival de teatro de Viana do Castelo FITEI. A músic é do grupo DeVacas e podedes escoitar os temas no Soundcloud de A Feroz.
“Invoca Lorena Conde o son dunha gruta fonda, os ecos da auga que pinga a pinga van inundando o estatismo dun cadro aparentemente relixioso. Por aquí transita a feroz Santa Inés, o año de Deus, lembranza da muller lánguida, competencia dun corpo en proxecto coa imaxinería dun santoral, o retrouso dun amor que non coñece lindes, a ladaíña de ser boa de ser boa de ser boa”
Gena Baamonde
Un monólogo cru, rabioso, tenro, irónico e moi poético que se defende con uñas e dentes nun espazo case onírico. É esta unha peza íntima, na que o público se reúne arredor da intérprete e asiste a un xogo de biografismo e auto-ficción no que se disecciona aquilo que non se ve a simple vista e do que, como sociedade, habitualmente non ousamos falar con esta honestidade.
(Erregueté.gal)
A iniciativa de A Feroz nace o programa Hildegarda, que comezou en decembro de 2019 baixo o lema “As mulleres na tradición cristiá. Xornadas para un diálogo feminista”.
É interesante a recensión que realiza Marisa Vidal Collazo desde unha perspectiva da teoloxía feminista:
Vidal Collazo, Marisa. “Santa Inés. Lorena Conde, Ed Urutau, 2019.” Encrucillada: Revista galega de pensamento cristián 44.216 (2020): 112-115.
Máis sobre Lorena Conde
Na súa páxina web
A obra de Lorena Conde desde a crítica literaria:
Palabra de Gatsby (10/05/2020)
En prensa:
Praza Pública (18/02/2022)
La Voz de Galicia (06/05/2021)
Diario de Pontevedra (11/09/2020)
La Voz de Galicia (18/05/2018)