Encontros literarios

 

FernandezNavalFrancisco

imaxe tomada da web da RAG

Con motivo da lectura dos contos de Julio Cortázar, teremos un encontro literario con Francisco X. Fernández Naval, escritor ourensán que ten traballado moito sobre a figura de Cortázar e amante da súa obra.

Data: 19 de xuño, ás 18 horas.
Lugar: Recuncho de lectura da Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación.

Francisco Xosé Fernández Naval naceu en Ourense en 1956, ao pé do río Miño, o que deixará pegada en gran parte da súa obra.
É licenciado en filosofía e ciencias da educación. Poeta e narrador. Ten publicados oito poemarios, catro libros de relatos, obras de teatro, contos infantís, ensaios, novela xuvenil, guións cinematográficos e de televisión, guías e libros de viaxe, e ten realizado traducións de obras dende o portugués, o francés e o castelán ao galego, de varios escritores (Poniatowska, Cortázar, José Braga Amaral, Manon Moreau ou Ludwig Zeller).
Moitas das súas obras foron galardonadas: Premio de poesía Cidade de Ourense por os poemarios A fonte abagañada (1980) y Miño (2006); ; premio Xerais (1988) pola novela O bosque das antas; premio Fiz Vergara Vilariño (2010), polo poemario Bater de sombras, premio Irmandade do Libro ao mellor libro do 2012, por A noite branca.
Entre as súas obras ten publicado o ensaio Respirar polo idioma. Cortázar e os galegos (Linteo, 2006), no que nos fala da relación de Cortázar con Galicia, cos galegos, os amigos cos que coicidíu en Arxentina ou París (Antonio Cuadrado ou Rafael Dieste, entre outros), a publicación en revistas realizadas por galegos no exilio, as lecturas que tiña na súa biblioteca, así como o seu grande amor e a grande amizade que sempre gardou para Aurora Bernárdez, a súa primiera dona, con quen Chisco (Francisco X. Fernández Naval) se entrevistou na casa da parella en París. Ademías temos a recente publicación dunha tradución dun dos contos de Cortázar, A autoestrada do sur (Trifolium, 2013).
Ten realizado programas de radio sobre poesía (Baixo o mesmo ceo),participado en congresos internacionais, encontros literarios e recitais poéticos.
Moi ligado ao mar e á pesca, desenvolvendo actividades cuturais moi vencelladas ao mesmo, ademáis de estar, como o río, sempre presente na súa obra (exemplo, entre moitos, o poemario Mar de Lira). Ven de publicar, xunto a Maribel Longueira (fotógrafa) o libro As crebas: outro xeiro de andar ao mar (Baía, 2014).
Podedes ver unha fermosa reseña autobiográfica no seu blogue “A noite branca”, así como a inmensa listaxe de obras publicadas.

Dores_Tembras_3

O primeiro encontro será con Dores Tembrás, escritora e gran coñecedora da obra de Xohana Torres.
Data: lúns 28 de abril, ás 18.30 h.
Lugar: Recuncho de lectura da Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación.

“Dores Tembrás naceu en Bergondiño en 1979. Licenciouse en Filoloxía Hispánica no 2001. Logo dunha bolsa predoutoral da UDC e de diferentes estadías investigadoras en Suecia, Madrid e Bos Aires defendeu a súa tese doutoral: La obra poética de Alejandra Pizarnik. Arquitectura de un desencuentro (2008).

Ao longo destes anos desenrrolou a súa actividade como investigadora na Universidade da Coruña, publicando numerosos artigos sobre a obra poética de Alejandra Pizarnik en actas, revistas científicas e volumes colectivos adicados á literatura hispanoamericana.

Está a piques de sair a súa contribución nunha obra monográfica sobre a poeta arxentina, editada por Cristina Piña, onde se recollen nove estudos de investigadoras especializadas na obra pizarnikiana.

En 2009 publicou o seu primeiro poemario O pouso do fume, que quedou de finalista xunto con Deter o día cunha flor, de Luz Pozo Garza na categoría de mellor libro de poesía nos premios da AELG 2010. Participou co micropoemario Esquiagrafías na Revista das Letras. Tamén na antoloxía elas, e noutros volumes colectivos e revistas.

En diálogo coa obra do pintor Manuel Suárez escribiu un micropoemario, aínda inédito, sobre os 15 cadros abstractos que compoñen De la serie de María, cristalizados nun libro de artista que viu a luz recementemente, con motivo da súa exposición na galería Moret Art”. (texto tomado do seu blogue)

Dores tembrás imparte numerosos obradoiros de escrita, actualmente “Arquitecturas do poema. Obradoiro de escrita creativa”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s