Marica Campo. Confusión e morte de María Balteira

“Sempre dixen que, antes que escritora era persoa e que, o primeiro, era vivir. Agora, cada vez máis, sinto a necesidade de escribir e penso que, talvez, escribir é vivir” .

(Marica Campo, autopoética de AELG)

Marica Campo é o nome literario de María Pilar T. J. Campo Domínguez (Val do Mao- O Incio, 1948). É unha das escritoras máis salientábeis do noso país e unha das voces que maior influencia tiveron e continúa a ter nas creacións literarias posteriores aos 90. Poeta, narradora, autora teatral e letrista de grupos musicais galegos.

Estudou Teoloxía na Universidade Pontificia de Salamanca, mesmo ingresou, con só quince anos, nunha orde relixiosa coa intención de ser misioneira; posteriormente comezaría a carreira de Filosofía e Letras e diplomaríase en  Maxisterio. Foi mestra en varias escolas do rural galego e tamén en Canarias, despois exerceu de profesora de galego no Instituto de Ensino Secundario de Guitiriz (Lugo).

Se ben demorou en entregar a súa obra ao prelo, ás canles tradicionais de edición, xa era coñecida polo público grazas a recitais, publicacións en revistas ou polas letras das cancións de grupos coma Fuxan os Ventos ou A Quenlla, moitas da súa autoría.

As súas primeiras obras dramáticas son inéditas, como indica Pilar García Negro (2006), así referimos O cazador de estrelas (1975) ou Dous vellos e unha soia soidade, que levaría un limiar de Xosé Chao Rego (1977). Non será até 1984 que publique O Premexentes non pode cos paxaros rebezos ou Memorias dun Escribano (1984), nos Cadernos da Escola Dramática galega.

Tras as portas do rostro (1992) sae dunha editora que tamén está nos seus inicios, Baía edicións. Este primeiro poemario conta cun limiar de Manuel María e Pilar Pallarés e está ilustrado por  Xoán Guerreiro. Contén poemas escritos entre 1970 e 1990. “Contén vinte e nove poemas, que percorren, sumariamente, os seguintes camiños: (a) a memoria e as súas intimidades; (b) o diálogo amordesamor; (c) a angustia do confronto existencia/conciencia; (d) a necesidade da patria tanxíbel; (e) o eloxio da heterodoxia e da heteropraxe. A obra informa tamén, a través de citacións referenciadas, de autoras-es que a escritora frecuenta, os seus referentes poéticos ou artísticos” (García Negro, 2006).

Tamén da man de Baía chega a súa seguinte obra, o conxunto de relatos Confusión e morte de María Balteira (1996),  finalista do Premio da Crítica de Galicia e contén 12 contos, algúns deles que xa tiñan acadado galardóns anteriores como o primeiro relato do volume que recibira, en 1989, o primeiro premio do certame literario sarriano “Meigas e Trasgos” e que será cerna da peza teatral de 1996. Ofrécenos unha re-visitación dalgunhas das nosas lendas e maxín. Esta obra foi traducida ao inglés en 2021 por Kathleen March e publicada por Small Stations Press.

Virá despois, Pedinche luz prestada (2001), publicado por Espiral maior despois de acadar o I Premio Fiz Vergara Vilariño. Con esta obra comeza un premio dedicado ao poeta de Lóuzara e que hoxe leva xa vinte e unha entregas.  A escritora afirmou ter creado este libro en tan só catro días de lecer (García Negro, 2006).  A capa e as ilustracións son de Eva Lloréns.

E continuamos nesta alternacia entre narración e lírica para pasarmos, de novo, a un texto en prosa, Memoria para Xoana (2002), editado por Espiral Maior, libro co cal a autora acadara o Premio de Narrativa do Concello de Vilalba e que, no ano seguinte, obtería o premio ao mellor libro do ano (2023) que outorga a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Como é habitual nas súas obras, o diálogo interartístico é unha constante, nesta ocasión vén polas ilustracións de María Jesús Pérez Carballo. Estamos ante unha xenealoxía matriliñal, un percorrido pola historia das devanceiras, daquelas que poboaron tantas páxinas non escritas. Esta obra foi traducida ao inglés en 2021 por Kathleen March e publicada por Small Stations Press.

No ano 2006, de novo en Baía edición, publica Confusión de María Balteira, peza dramática baseada en dous dos relatos do libro Confusión e morte de María Balteira. Esta obra foi levada á escea por Achádego. A edición ten un extenso e interesante limiar de Pilar García Negro.

En 2007 publica de novo poesía, Sextinario: trinta e seis + tres, en Sotelo Blanco.

Realizará tamén unha adaptación teatral d’O divino sainete de Manuel Curros Enríquez, que publicará a Universidade da Coruña en 2008.  

Dous anos despois, Biblios Club de lectura publica a súa novela Onde houbo lume (2010), onde retoma os relatos sobre mulleres, nesta ocasión 11 contos de mulleres solteiras que un vello lle narra a unha nena.

En 2020 regresa á poesía co libro Nós outras, ilustrado por Menchu Lamas e publicado por Chan de pólvora e focado cara un público máis novo. Crítica de Ramón Nicolas.

Alén da narrativa, poesía e teatro para persoas adultas, Marica Campo ten desenvolvida un labor imprescindible dentro da Literatura infantil e xuvenil onde tamén crea para a rapazada pezas en diferentes xéneros. Algunhas destas obras xa foron mencionadas porén, completamos agora con aquelas máis específicas de LIX. En narrativa salientamos: Crispín do Mao, Crispín do mar ; ¡Adeus, pés! ; O enigma do menhir ; Catro pallasos (Xunta de Galicia, 2003; Xoel aprendeu a voar (Obradoirro, 2009; Noutra dimensión(Galaxia, 2011) ou  Unha misión para Clara (Oqueleo, 2018).). En poesía: Abracadabras (Ediciós do Castro, 2006). 

No eido da música debemos salientar como algúns dos seus poemas foron musicados. Do libro Pedinche luz prestada foron extraídos textos para cancións de Pilocha, Uxía Senlle ou Tino Baz. O libreto A casa que nunca tivemos foi escrito por ela para A Quenlla (1996). No ano 2003 daría título ao novo disco do grupo,  “Namórate da vida”, extraído dun dos seus poemas e, asemade, establecería un diálogo coas cancións a través doutras achegas líricas.

Tamén debemos citar o seu labor como prologuista e o traballo realizado, durante o ano 2022, con textos nas columnas de opinión dos xornais El Progreso (Lugo) e Diario de PontevedraA tecelá en outono[ e recibiu o premio da Cultura Galega na categoría de letras polo seu compromiso coa lingua e a cultura galegas, co feminismo e co ecoloxismo.

Outro dos seus labores é o de tradutora: As dúas casas de Alicia de Cristelle Vallat ou A Terra acatarrouse de Roxane Marie Galliez, ambas pubicadas en Baía en 2013.

Participou e participa en numerosas obras colectivas, ben sexan antoloxías, volumes de relatos ou de pezas dramáticas, mesmo ten colaborado con estudos de investigación en actas de congresos. Alén dos galardóns xa mencionados, foi nomeada Chairega de Honra pola Asociación Cultural Xérmolos e a Fundación Manuel María da Terra Cha (2007). No ano 2013 o concello de Lugo entregoulle o premio Entre mulleres e, no mesmo ano, a Asociación de Escritoras e Escritores en lingua Galega réndelle una homenaxe na súa terra. En 2018 foi celebrada pola plataforma literaria A Sega no Día das Galegas nas Letras. En 2022 acadou o Premio da Cultura Galega, na modalidade Letras. Nese mesmo ano a Xunta de Galicia entrégalle o un dos Premios da Cultura Galega, na modalidade das letras e o xuri salienta:  

“o seu compromiso para achegar a lingua galega ás xeracións máis novas, o seu labor pola defensa da cultura galega e polo seu activo traballo para fomentar valores como o feminismo, o ecoloxismo ou a solidariedade”.

Se queres coñecer máis sobre Marica Campo e a súa obra deixamos unha listaxe de traballos publicados en revistas. Ademais, como xa sinalamos, é moi interesante o limiar de Pilar García Negro para o libro Confusión de María Balteira.

Cozinha, Maria do Carmo. 1997. Realidade e fantasia no universo narrativo de Marica Campo. Agália: Publicaçom Internacional Da Associaçom Galega Da Lingua(50): 177-204.

García Negro, Pilar. 2006. Estudo introdutoro, en Campo, Marica: Confusión de María Balteira (pp. 9-51) (A Coruña: Bahía Edicións).

Insua, Emilio Xosé. 1994. A voz revelada de Marica Campo. Cerna: Revista Galega De Ecoloxía E Medio Ambiente(11): 33-5.

Manuel María. 1992. Soleira, en Campo, Marica: Tras as portas do rostro (pp. 9-13) (A Coruña: Bahía Edicións).

Pallarés, Pilar. 1992. Unha palabra para abrir a porta, en Campo, Marica: Tras as portas do rostro (pp. 15-18) (A Coruña: Bahía Edicións). Pallarés, P. (2001): “No castelo sitiado pola sede”, en Campo, Marica: Pedinche luz prestada: 9-11 (A Coruña: Espiral Maior).

Romero, Marga. 2002. Memoria para Xoana, de Marica Campo. Festa Da Palabra Silenciada(17): 79-81.

Tamén podedes ler e ver máis na web da AELG, na BVG ou nalgunas entrevistas que indicamos a seguir:

Armando Requeixo entrevista a Marica Campo en Criticalia (01/08/2012)

María Solar no programa Zigzag diario(17/06/2013)

Texto de Olalla Cociña con motivo da celebración a Marica Campo no día das Galegas nas letras (agosto, 2018)

Daniel Salgado en Nós Diario (7/9/2021)

Antón Escudero en Nós Diario (22/06/2022)  

A literatura galega nas súas voces – Marica Campo (AELG)
70 minutos con Marica Campo, Emma Pedreira e Kathleen March (desde minuto 5:26)
Publicado en Marica CAmpo | Etiquetado , | Deixar un comentario

Eva Mejuto e A ladroa da Biblioteca de Meirás

O xoves 23 de marzo teremos unha cita con Eva Mejuto, con quen falaremos arredor a súa última obra para público xuvenil, A ladroa da biblioteca de Meirás. Será ás 16 h na sala Xoana Torres da Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación.

Eva Mejuto (Sanxenxo, Pontevedra, 1975) é escritora, xornalista, editora literaria e tradutora. Doutora en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, a súa tese versa sobre o realismo social no álbum ilustrado: Álbum testemuño: achegar a realidade ás crianzas. Foi docente na Universidade de Vigo dentro do mestrado “Libro Ilustrado e Animación Audiovisual” da facultade de belas artes.

No eido editorial traballou inicialmente en Kalandraka, desde 1998 até 2004 e posteriormente en OQO Editora, até 2018, cando se une ao Proxecto Capicúa de xestión cultural.

Como autora de creación literaria, a súa especialidade é a LIX (literatura Infantil e Xuvenil) onde ten publicada máis dunha ducia de obras, entre albumes ilustrados e novela xuvenil. Na literatura infantil comeza coa publicación en 2002 da obra A casa da mosca chosca, do selo editorial Kalandraka, ilustrado por Sergio Mora. Trátase dunha adaptación dun conto popular ruso e que tivo un grande suceso no noso país, mesmo foi traducido ao catalán, éuscaro, castelán,, portugués, inglés e italiano.

Nese mesmo ano, tamén da man de Kalandraka, sae Rato de campo e rato de cidade ilustrado por Kiko da Silva e traducido ao castelán. Da mesma editora é O zapateiro e os trasnos (2003), ilustrado por Elia Maneiro. Nos seus seguintes albumes tirará tamén da tradición popular, do conto e da canción, así chegarán, da man de OQO edicións:  Corre, corre, cabaciña (2006), ilustrado por André Letria, Tres desexos (2007), con ilustracións de Gabriel Pacheco; e Maruxa (2014), ilustrado por Mafalda Milhoes.

En 2017 dá o salto á literatura xuvenil con 22 segundos, publicado por Xerais, na colección Fóra de xogo. Nesta obra, a autora aproxímase ás identidades silenciadas, á adolescencia e a transexualidade, a través da voz de Alex. Podes ler a recensión feita por David González Domínguez.

Que significa “trans”? E “género nom-binário”? + 22 SEGUNDOS — Eva Mejuto
Nee Barros

En 2019 chega a segunda obra para público xuvenil, Memoria do silencio, tamén en Xerais e na Colección Fóra de Xogo. Nesta ocasión, estamos ante unha trama histórica internacional, ambientada en Ribadavia na IIGM e as protagonistas as irmás Touceda, quen salvaron da morte a moias persoas xudeas que chegaban de Portugal; unha novela a tres voces onde, de novo o silencio, ten o seu acubillo no papel, no noso pasado. A novela foi finalista do Premio Jules Verne. Sobre esta novela é interesante a entrevista realizada por Monse Dopico para Praza (05/03/2019)

Continuará nos anos seguintes co publicación de obra infantil en Xerais: Dez gatiñas viaxeiras (2019), con ilustracións de Víctor Rivas, na  Colección Pequeno Merlín; A lavandeira de San Simón (2020), na colección Pequena memoria, ilustrado por Bea Gregores. Neko  (2021). Con estas dúas últimas obras acadou por dous anos consecutivos o premio Follas Novas, na primeira ocasión á mellor iniciativa bibliográfica (2021) e na segunda ao mellor libro infantil (2022). Tamén ilustrados por Bea Gregones son: Oqueleo. E Cando leo (2022).

O ano 2022 é productivo e cheo de galardóns, así, acadará o XIV Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, modalidade para rapazada, por Os contos do Lobicán.

É neste mesmo ano cando a editorial Xerais publica A ladroa da biblioteca de Meirás (2022). A autora creou unha páxina web onde engade moitos documentos da súa investigación para a construción do libro. Como ela mesma indica, é un complemento do libro, que engade información e pode acompañar na súa lectura. Nela tedes lecturas da obra, vídeos con conversas sobre o pazo de Meirás.

O prohibido era excitante e aterrador ao tempo. O perigo de ser vista, o medo de que desen con ela, formaba parte dun xogo ao que Mariña estaba prendida. Coábase na mellor biblioteca do mundo, co universo enteiro para ela arrombado nos andeis. Ata que non puidese saír da aldea, ese era, sen dúbida, o único paraíso posible. Ás veces a felicidade era tal que esquecía onde estaba e o perigo que corría. Facía mal en coller «prestados» os libros Á familia roubáranlle a casa para facer a residencia de verán do Xeneralísimo, así que estaba no seu dereito. E ese verán pasarían tantas cousas que todo cambiaría de vez na vida de Mariña, no Pazo de Meirás e, talvez, no país enteiro…

Eva Mejuto (A ladroa da biblioteca de Meirás)

Deixamos aquín un par de recensións realizadas por dúas Bookstagramers: Lúa Soto e Littera-Lupa:

Recensión de Lúa Souto en Instagram
Recensión de Littera-lupa en Instagram

O compromiso de Eva Mejuto por dar voz a aquelas persoas que, por cuestións de orientación sexual, son vítimas da represión social ou política, lévaa á publicaión da obra biográfica Memoria diversa, editado pola Deputación da Coruña (2022). 

Tamén de Xerais é a súa última obra publicada, O día que choveron gatos (2023), ilustrado por  Susana Suniaga, finalista nos premios Merlín de 2021.

Participa en obras colectivas: salientamos a coletánea Contos sen fronteiras, publicado pola Xunta de Galicia en 2007;  o DVD Los cuentos del camino (2013);  os Minilibros imperdibles 1 (2016),  de  Kalandraka e o CD-Son Camiños (2017), de  Magín Blanco; ou o ensaio Libro obxecto e xénero: estudos ao redor do libro infantil como artefacto, da Universidade de Vigo (2019).

Se queres coñecer máis sobre a súa obra podes visitar os seguinte enlaces e vero o contido que hai en formato vídeo na rede:

Entrevista de Rui Castro para Sermos Galiza (27/06/2017)

Lectura de “22 segundos” por su autora, Eva Mejuto
El libro álbum en tiempos de conflicto, por Eva Mejuto [FILIJ 2017]
Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Identidade / Nee Barros

Nee Barros (Ourense, 2002) é escritore, así como activista cultural e polos dereitos das persoas  transxénero. Utiliza as canles sociais (Instagram, Tik Tok, Twitter, Youtube ou Linktree), coñecide como @neeumatiko, coma medio de divulgación literaria e de promoción da lingua galega. Igualmente salientamos o seu traballo como  activista  LGBTIQA+ en todas as redes sociais, a través da difusión de temas relacionados coa realidade trans e coa linguaxe non binaria, entre outros.

A súa labor coma youtubeire comeza durante o confinamento e ten sido recoñecida en varias ocasións, entre eles o Premio á calidade Lingüística no certame Youtubeiras no ano 2019 e 2022. Este certame é promovido por varios concellos galegos aos que se unen a  Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. Na entrega do premio recoñecíaselle por “ser un referente en Youtube en galego cunha alta capacidade comunicativa, creativa e lingüística”.  Complementa os seus oficios co de músico, xa que canta e toca o baixo na banda de pop rock Froalla, formada en 2018 ao abeiro do proxecto Xeración Sónica promovido pola Concellaría de Xuventude de Pontevedra.

Escribe poesía, micro-relato e teatro, que complementa coas letras das cancións do seu grupo musical. Utiliza linguaxe non binaria e tenta dar voz a todas esas persoas que non adoitan estar representadas na literatura.

“intento dar voz a cousas que a min me gustaría que estiveran representadas” 

Nee Barros en Nós diario 27/12/2022

Ten publicadas tres obras:  A metamorfose forzada ou xuízo nun acto (Erregueté, 2019) nos Cadernos Pygmalión nº 2, gañadora do premio de Teatro breve da XXIII Mostra de Teatro de Ensino Secundario do Morrazo;  19 poemas para um VÍRUS-19 (Arte Calavera, 2020) e Identidade. A normalidade do non-común (Galaxia, 2021).

Tamén ten textos en obras colectivas como Tes cinco minutos #1 (Galaxia, 2021) ouna escolma de poesía novísima editada por Carlos da Aira: 21 poetas do século XXI (Aira, 2021).

Neste ano sairá, da man de Cuarto de inverno, Nom estamos quebrades, após acadar o V premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil (2022). O xuri salientou, alén da composición, o ritmo narrativo e a escrita, a cantidade de referentes tanto musicais como literarios presentes no texto:

Ten un ritmo narrativo equilibrado que destila honestidade na parella protagonista, numerosas citas ao seu universo musical onde atopamos a Mercedes Peón, Tanxugueiras, Ataque Escampe, Baiuca pero tamén referencias a firmas literarias como Lorena Conde, Eli Ríos, Eva Mejuto, Xela Arias e á obra Anagnórise, a obra máis traducida de María Victoria

Luz Gallego

A este premio precedéronlle outros como: Lingua de Namorar (2018 e 2020); o premio polo seu microrelato Réquiem na IV edición  Prensa-Escuela (2018); o acadado no certame de narración curta Concello de Curtis (2019), co título Marcianación; ou os do III Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal na Categoría Xuvenil (2020) e o do XVIII Certame de Poesía no Ben Veñas Maio (2020), entre outros.

Identidade é unha peza teatral escrita en cinco atos, publicada por Galaxia dentro da colección Costa Oeste (2021). “Unha obra de teatro que fala da liberdade, da necesidade de ser e, sobre todo, da identidade. O simple acto de nacer marca a nosa vida nun molde que a sociedade se encarga de contornar e puír. Mais, que pasa se nacemos nun molde “equivocado”? Zé, o noso protagonista, vive unha historia chea de valentía, loitando a contracorrente por construír a súa propia identidade. Coa complicidade dos seus amigos e a súa familia, percorrerá un camiño en que moitas vendas negras, que tapan os ollos e a alma, caerán ao chan. Rompendo todos os moldes, Zé será quen de amosarlle a todas as persoas que dá igual como te vexan os demais. O máis importante é como nos sentimos nós, ser quen queiramos ser e seguir sempre o que dite o noso corazón.” (Galaxia).

Críticas sobre Identidade:

Tensi gesteira (Lecturafilia, 22/12/2021)

Crítica en Erregueté (por Bañera, 13/09/2021)

Crítica de Manrique Fernández (9/05/2021)

Queres saber máis sobre Nee?

Visita a súa canle de Youtube

Nee Barros, do youtube en galego á creación literaria (Nós TV)

Entrevista en Praza 27/09/2021, realizada por Iria Curros

Entrevista en Associaçom Galega da Língua por Valentín Fajín 20/04/2021

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Encontro con Helena Villar Janeiro. De rosa antiga

O día 24 de novembro teremos con nós, na sala Xohana Torres, a helena Villar Janeiro, con quen falaremos arredor da súa obra e, en especial, da antoloxía recentemente publicada De rosa antiga.

Con case medio centenar de libros publicados en solitario, aos que engadimos todos aqueles que publicou con Xesús Rábade Paredes, cómplice de creación e compañeiro de vida, así como a súa participación en obras colectivas, podemos dicir que Helena Villar Janeiro é unha das voces literarias galegas máis prolíficas. 

Nada en Becerreá (Lugo) en 1940 nunha familia de escasos recursos económicos porén, como ela sempre indica, gran amante da cultura e cun pai músico que influiría para que sempre devecese polo bel canto; ser cantante de ópera foi a súa verdadeira vocación. No eido da música compuxo cancións infantís e escribiu a música de Cantan os nenos. O libro de María, ao que acompañan textos de Xesús Rábade Paredes (Consellería de Cultura, Santiago, 1984), libro que foi utilizado no Conservatorio de Santiago e creado tendo en conta as tendencias pedagóxicas.

Abandona a música e entrégase ao ensino; tras cursar Maxisterio comeza un periplo como mestra por diferentes aldeas dos Ancares. Máis tarde licénciase en Filosofía e Letras na Universidade Complutense de Madrid o que lle permitiría pasar a ser profesora de educación secundaria e como tal se xubila en 2001 no IES Xelmírez de Compostela. Durante anos compaxinou os seus estudos universitarios e o desenvolvemento da súa carreira profesional con outras formacións complementarias como francés, guitarra, pintura ou modelado. Alén de todo isto, publica o seu primeiro poemario, Alalás en 1972. Comeza aquí a imparábel carreira literaria dunha grande poeta. Despois de Alalás virían: Rosalía no espello (Padroado Rosalía de Castro, 1985), Festa do corpo (Deputación da Coruña, 1994), Álbum de fotos (Espiral Maior, 1999), Nas hedras de clepsidra (Edicións do Castro, 1999), Pálpebra azul (PEN Clube de Galicia, 2003), Remontar o río (Tirar do fío, 2014), Poesía mínima./Minimal Poetry, (Alvarellos Editora, 2018) e este ano, 2022, De rosa antiga (Galaxia).

Como narradora ten publicados os contos: O enterro da galiña de Domitila Rois (Galaxia, 1991) e A tarde das maletas (Contos do Castromil, 1992).

A súa pegada na literatura infantil e xuvenil é forte, sendo una das autoras que máis contribuíron a xerar boas lecturas neste xénero tantas veces deostado e pouco coidado. Ela desfruta contando porque a oralidade sempre a acompañou, desde nena. Tamén elaborou poemas para nenas e nenos, mesmo inéditos. Salientamos dentro da LIX:  O día que choveu de noite (Galaxia, 1985), traducida ao castelán,ao cataláne ao éuscaro; Vermiño (Galaxia, 1988), tamén con tradución a diversas linguas; Patapau (Ir Indo, 1989), .Don Merlo con chaqueta (Xerais, 1993),Contos do paxaro azul (Sotelo Blanco, 1994); Na praia dos lagartos (Edicións do Castro, 2004); Contos do Sol e da Lúa (Alvarellos, 2017); ou Alba (Vigo, 2021).

Igualmente, adoita escribir ensaio tanto de contido pedagóxico ou relacionado coa lingua como doutros temas de actualidade: Os equipos de normalización lingüística nos centros de ensino (Xunta de Galicia ,1993), Delas (Toxosoutos, 1999), Paseos literarios (Xunta de Galicia, 2001), Feminino plural (El Correo Gallego, 2003) ou O sabor da terra (Galaxia, 2005).

Participa en obras colectivas e realizou moitas delas en colaboración con Xesús Rábade Paredes, como o libro Os símbolos de Galicia. A bandeira, o escudo e o himno, que acadou o premio “Patronato Rosalía de Castro” para mestres e pedagogos de Galicia (1979). Completan a produción escrita numerosos artigos en prensa (columna no Correo Gallego desde 1992) e revistas especializadas, libros de texto e multitude de reflexións no seu blog Tirar do fío.

Helena Villar Janeiro estende a súa creación alén da palabra até chegar á imaxe fotográfica. Despois de dedicar un tempo á pintura e cerámica, chégalle a afección pola fotografía, que comezaría polas flores do seu xardín e a levaría a fotografar o paso do tempo e a memoria, temas principais da súa obra visual  actual. Comezou coa obra O álbum da marquesa, quizais o seu primeiro traballo fotográfico e continuou cos haikus mixtos, que publica tanto nas redes sociais como no libro trilingüe Poesía mínima (Alvarellos, 2018). Actualmente expón a mostra Luz e mar en Setefogas na libraría Biblos de Betanzos (até o 26 de decembro de 2022).  

Acadou varios premios que culminaron con aquel que lle concede a AELG en 2016 e que a nomea coa letra E de escritora, un recoñecemento á toda a súa labor literaria.

Gran educadora e activista cultural e social, anima á creación de APADEL (Asociación de Pais en Defensa da Lingua) en 1985. Presidiu, entre 2005 e 2012 a Fundación Rosalía de Castro e foi membro do Plenario do Consello da Cultura Galega, colaborando na elaboración de dous traballos: o ditame sobre as “Bases para a elaboración do decreto de plurilingüismo” e o “Borrador e memoria xustificativa da proposta de Lei do Panteón de Galicia”.

A autora está moi presente nas redes sociais onde escribe sobre temas relacionados coa nosa lingua, a memoria histórica, creación poético-visuais e moitos temas da política actual, sempre con humor e ironía: Twitter e Facebook.

O seu último libro publicado é De rosa antiga, onde a autora realiza unha escolma dos seus 50 anos de escrita lírica, desde a publicación de Alalás en 1972 até hoxe e que mesmo contén algúns textos inéditos. 

Crítica realizada por Ramón Nicolás en Caderno da crítica 9/10/2022

Entrevistas

Nós Diario (entrevista de Montse Dopico, 7/06/2021)

Palavra Comum (3/7/2015)

Cuestionario Proust (Lecturafilia) (4/10/2022)

Videoensaio en homenaxe a Helena Villar Janeiro, producido pola Fundación Carlos Casares e realizado por Ricardo Araújo e Laura Guizán dentro da actividade cultural “Coordenadas. Diálogos Literarios da Fundación Carlos Casares”, celebrada no auditorio do Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela os días 17 e 18 de xuño de 2022, co patrocinio do Concello de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia.
Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Eu son Exeria. Marisa Vidal Collazo e Sole Pite Sanjurjo

O día 20 de outubro ás 16 horas daremos inicio a unha nova edición do noso club de lectura Nébeda. Nesta ocasión teremos como convidada a Marisa Vidal Collazo de quen leremos a obra que realizou en colaboración con Sole Pite Sanjurjo (autora das ilustracións), Eu son Exeria. Lectura feminista dunha viaxe no século IV.

Marisa Vidal Collazo é licenciada en Química pola universidade de Santiago de Compostela e diplomada en Ciencias Relixiosas na Universidade Pontificia de Comillas. Actualmente imparte docencia nun instituto de Vilagarcía.

É presidenta da asociación Mulleres Cristiás Galegas «Exeria», participa na Rede Galega en apoio a Persoas refuxiadas, na Red Miriam e na Asociación de Teólogas Españolas.

Ten publicados numerosos artigos na revista Encrucillada sobre teoloxía feminista, que teñen a ver coa necesidade dun cambio no pensamento cristiá que involucre, de xeito activo, ás mulleres na igrexa. Nesta revista forma parte do seu consello de redacción. Colaboradora habitual de Irimia, Andaina e de Nós Diario.

«As mulleres queremos formar parte da toma de decisións na Igrexa»

Marisa Vidal Collazo

Recentemente vén de publicarse o libro Revuelta de las mujeres en la iglesia (La Imprenta, 2020), do que é co-coordinadora. Este libro e que é imprescindíbel para entender o movemento das mulleres na igrexa, un ensaio sobre o traballo desenvolvido polo feminismo cristiá para cambiar a igrexa desde dentro.

Eu son Exeria. Lectura feminista dunha viaxe no século IV (Galaxia, 2022), achéganos á viaxe realizada por Exeria, Eteria, Arteria, Geria, Ætheria ou Etheria, figura senlleira da Galaecia, tal vez a primeira escritora galega, quen deixou escrito un diario, en forma epistolar, da súa pelegrinaxe a Terra santa, Itinerarium Egeriae. Marisa Vidal introdúcese non só neste periplo, senón tamén na propia voz de Exeria e con ela reflexiona sobre os cambios que se produciron na igrexa desde aquel primeiro cristianismo, na sororidade e no que se vén en denominar hermenéutica da sospeita.

A obra conta coas marabillosas acuarelas de Soledad Pite Sanjurjo, autora multidiscipñinar, artista plástica e poeta, quen nos ofrece unha representación imaxinada de Exeria.

Ler máis sobre Marisa Vidal Collazo:

Teoloxía feminista. Azos para o empoderamento (Nós Diario, 19/08/20)

É posible ser cristiá e feminista? (Nós Diario, 29/02/20)

La Voz de Galicia (15/03/2021)

Praza (14/04/2022) (Ana G. Liste)

Presentación de Eu son Exeria ( 26 de abril de 2022 no Espazo Nemonon)

Recensións

Caderno da Crítica de Ramón Nicolás (30/04/2022)

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Antonio Seijas e A Chaira

O 28 de abril teremos o último encontro literario do curso académico 2021-2022. Nesta ocasión o convidado será Antonio Seijas e con el nos deixaremos levar polas paraxes e vidas que poboan a súa obra de banda deseñada, A Chaira (Alita Comics, 2020)

Antonio Seijas (Ares, 1976)

Licenciado en Historia da arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Antonio Seijas é tamén  artista plástico, escritor e autor de banda deseñada.

Comeza a súa andaina no mundo da banda deseñada e ilustración coa obtención do segundo premio no concurso de cómic da revista cultural Desafío, no ano 1994.  Despois virían as súas colaboracións con caricaturas e ilustracións en diferentes publicacións como a xa desaparecida revista  Golfiño, un clásico na banda deseñada galega infantil e xuvenil, malia a súa curta existencia (1999-2004), coa que colaborará durante o ano 2003; ou as súas continuadas achegas de ilustración na revista Murguía.

Posteriormente chegaría unha imparábel carreira artística con exposicións, deseño de cubertas para autoras e autores, ilustracións interiores, imaxes para libretos de grupos musicais, creación de libros propios de banda deseñada, obras de literatura infantil e xuvenil ou libros de poemas. Toda esta labor múltiple ten o recoñecemento a través da obtención de numerosos galardóns, tanto en Galicia como fóra do noso país.

A día de hoxe ten publicadas catro novelas gráficas:

Un hombre feliz, coa que obtivo o premio Castelao de banda deseñada da Deputación da Coruña en 2006, e o premio do público ao Mellor Guión no Saló del Cómic de Barcelona (2008). Publicada en Edicions de Ponent, achéganos a historia dun home atormentado por algúns acontecementos do seu pasado.  Foi adaptada a formato radio-teatro pola Radio Nacional Eslovena.

Cartas de Inverno,  adaptación á banda deseñada da novela de Agustín Fernández Paz. Acadou o Premio Isaac Díaz Pardo ao Mellor Libro Ilustrado pola Asociación Galega de Editores (2012).

“Este Cartas de inverno de Antonio Seijas recolle a historia, os personaxes e os ambientes que creei no seu día, comezando pola omnipresente mansión onde todo sucede. Trátase da mesma historia, narrada a través da linguaxe do cómic e a través doutra mirada. A capacidade de suxerir que teñen as palabras trasládase aquí ás elipses narrativas. A tensión creada coas palabras trasládase ás imaxes e á montaxe das viñetas. Os estados de ánimo atopan a súa correspondencia na paleta de cores utilizada polo autor. Todas as pezas encaixan para conformaren unha obra con valor de seu. De aí que declare a miña alegría ante a publicación destas novas Cartas de inverno.”

(Agustín Fernández Paz)

 La Luz, con prólogo de Álvaro Pons (Edicions de Ponent, 2014), foi nominada á Mellor Obra Nacional en Expocómic (2014).

A chaira, publicada por Alita Comics acadou o Premio á Mellor Libro de Banda Deseñada do ano na Gala do Libro Galego 2020. Tamén traducida ao español.

En 2019 sae publicada na editorial Galaxia a súa primeira novela xuvenil O Soño da Serpe. De novo, protagonistas femininas e historias enlazadas entre o pasado e o presente.

“Luz é unha moza especial, só que ela aínda non se decatou. A piques de comezar un novo curso na universidade, coñece unha muller en busca do seu pasado, e embarca con ela nunha aventura chea de misterio, soños, autocoñecemento e historias que se entrecruzan e das que será parte ata o fin, ao tempo que comproban que a natureza garda segredos impensables.”

Blog de Galaxia

En 2021 acada o XXXVII Premio de Poesía Cidade de Ourense coa súa primeira obra neste xénero, Teorías do Fin (Aira Editorial, 2022).

Tamén realiza traballos de ilustración para obras doutras autorías, especialmente de literatura infantil e xuvenil. Podemos citar, entre outras as creadas para a obra de Ramón Loureiro La Oruga en el bosque creciente; as capas de Nubes de evolución, de Andrea Maceiras; O corazón de Júpiter, de Ledicia Costas; Eu, pel, de Teresa Gonzalez Costa; O Códice do Santo Lugar, de Pere Tobaruela; Amar unha serea, de Rivadulla Corxón; Todo ben, de Manuel Rivas;  entre outros.

Participou en volumes de autoría colectiva como o libro homenaxe a Joan Manuel Serrat (de edición de exemplar único), con autores como Forges, Cels Piñol ou Xaquín Marín. Fixo tiras cómics en 2005 para a revista infantil Iguana (Arizona, Estados Unidos).

Igualmente, ten creadas capas e ilustracións interiores dos libretos de discos para diferentes grupos musicais como Luar na Lubre;  os noruegos Gazpacho, para quen elaborou a parte gráfica de varios álbumes; capa de Up stairs, de Tim Oneal; para Marillion e a canción Gaza ou para a edición deluxe Happiness is the Road; a portada do disco de Steve Merlin, Between Air And Wing; ou outros como Steve Wilson.

Creador de logos como os da Fundación de David Lynch. Colaborador de series de TV, onde son visíbeis as súas creacións. Un exemplo é a serie “La que se avecina”, onde as ilustracións de Antonio Seijas enmarcan algunhas escenas.

Entre as súas exposicións salientamos:  Silencio na luz, (Casa Museo Casares Quiroga, 2019), a exposición de ilustracións de discos (Ramses by Philippe Stark , Madrid, 2014) ou a realizadas na Galería Sargadelos de Ferrol (2015) na Escuela de Finanzas de Oleiros, Casa Museo María Pita en A Coruña ou a Sala de Exposicións de San Martín Pinario , Santiago de Compostela.  Curou e deseñou a exposición do 30º Aniversario de Luar Na Lubre para os que tamén realizou as sesión de fotos oficiais en varias ocasións. Tamén participou en exposicións colectivas como Ilustramundos (Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela, 2012)

Alén dos premios xa mencionados, ten obtido outros moitos, así como varios accésits e quedado finalista noutras ocasións: Accésit no concurso de BD “O Alfaiate” (A Coruña 2004), premio  no VII Concurso de Caricaturistas Noveis dentro da VII Bienal de Caricatura de Ourense (2004), finalista do concurso de cómic da Xunta de Galicia Na Vangarda 2004, accésit no VII Concurso de Cómic “Alcazul Tomelloso” (2004), 2º Premio no concurso de BD O Alfaiate-Empuje.net (A Coruña 2005), 1º Premio no concurso de cómic Ciudad de Dos Hermanas (Sevilla 2005), 3º Premio no concurso de cómic Mari Puri Express do concello de Torrejón de Ardoz (2005), 2º Premio no X Certame de banda deseñada de Arteixo (2005).

Entrevistas a Antonio Seijas:

Entrevista no Eirado a Antonio Seijas (Pemón Bouzas)

Ramón Loureiro. La Voz de Galicia (25/10/2021)

Alberto Sánchez. La Voz de Galicia (4/7/2013)

As imaxes foron tomadas do blog do autor, co seu permiso.

Publicado en Antonio Seijas, banda deseñada | Etiquetado | Deixar un comentario

Lorena Conde e “Santa Inés”

Lorena Conde (Pontesampaio, 1980) é unha autora versátil: escritora, dramaturga, actriz e artista plástica. É licenciada en Filoloxía hispánica e postgraduada en Arte dramática pola Universidade de Santiago de Compostela. Na escola Mestre Mateo obtivo o título de graduada superior en Artes aplicadas e Deseño das Artes Aplicadas da Escultura.

A súa actividade no teatro móvese entre a dramaturxia, a dirección, creación e adaptación de textos e interpretación. Tivo o seu inicio como actriz en agrupacións de teatro universitario como Captatio Benevolentiae ou Enlata teatro, que dirixiría entre 2015 e 2018. Dirixe outras compañías de teatro amador como Farrapo teatro, para a que escribe Frío, obra coa que acada, en 2016, os premios ao mellor deseño de vestiario, mellor dirección e mellor espectáculo no X Festival Internacional de Teatro Cale-Se en Vila Nova de Gaia, Portugal. Desde 2013 é co-fundadora da compañía profesional Matrioshka Teatro, onde traballa como atrezzista, actriz e escritora, para a que escribiu o seu espectáculo Manawee. Esta compañía foi merecedora en varias ocasións do Premio de teatro María Casares.

Entre os anos 2013 e 2014 crea o Proxecto de creación escénica AD HOC en colaboración coa 
Facultade de Ciencias da Educación da USC e a Rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago. 
En 2017 cofunda a compañía A Feroz, para a que escribe AFTERPARTY (2018), Santa Inés (2019) e Do pracer da morte, as dúas últimas tamén dirixidas por ela.

Dende 2009 ten un espazo de experimentación artística, A Maranha, especialmente focado á investigación en novos materiais de xoiería e tamén obxectos para a escena.

Alén da súa obra dramática, ten publicados catro poemarios: Entullo (Deputación da Coruña, 2017), O perfil da boca (Urutau, 2020) e As puntas da louza. Cancioneiro de labor (Aira Editorial, 2021) e Ave do paraíso (Apiario, 2021). Co primeiro acada o XVIII Premio de poesía Miguel González Garcés, co terceiro o  XXXVI Premio de poesía Cidade de Ourense e co último, publicado por Apiario, o I Premio de Poesía Filomena Dato. En As puntas da louza. Cancioneiro de labor a autora dá voz ás mulleres obreiras e ás opresións ás que son sometidas no seu traballo diario.

Igualmente, foi galardoada en 2020 co III Premio María Victoria Moreno polo seu libro xuvenil Velloucas e minchas, publicado por Cuarto de inverno. Un libro de protagonistas femininas e interxeneracionais que xira arredor dunha realidade cada vez máis actual, o acoso inmobiliario. Tamén Cuarto de inverno, dentro da colección infantil, acolle o álbum ilustrado por María Brenn, As mil vidas de Dorotea, onde a autora se achega á vida da mestra e actriz Dorotea Bárcena, desde o teatro, a poesía e o ensaio.

Santa Inés publícase en 2019 da man da editora galego-luso-brasileira Urutau. É levada a escena pola compañía A Feroz, Interpretada por Inés Salvado (actriz e cantante, en De Vacas) e dirixida por Lorena Conde. A estrea foi o 20 de decembro de 2019 na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela e posteriormente viaxou até o festival de teatro de Viana do Castelo FITEI. A músic é do grupo DeVacas e podedes escoitar os temas no Soundcloud de A Feroz.

“Invoca Lorena Conde o son dunha gruta fonda, os ecos da auga que pinga a pinga van inundando o estatismo dun cadro aparentemente relixioso. Por aquí transita a feroz Santa Inés, o año de Deus, lembranza da muller lánguida, competencia dun corpo en proxecto coa imaxinería dun santoral, o retrouso dun amor que non coñece lindes, a ladaíña de ser boa de ser boa de ser boa”

Gena Baamonde

Un monólogo cru, rabioso, tenro, irónico e moi poético que se defende con uñas e dentes nun espazo case onírico. É esta unha peza íntima, na que o público se reúne arredor da intérprete e asiste a un xogo de biografismo e auto-ficción no que se disecciona aquilo que non se ve a simple vista e do que, como sociedade, habitualmente non ousamos falar con esta honestidade.

(Erregueté.gal)

A iniciativa de A Feroz nace o programa Hildegarda, que comezou en decembro de 2019 baixo o lema “As mulleres na tradición cristiá. Xornadas para un diálogo feminista”.

É interesante a recensión que realiza Marisa Vidal Collazo desde unha perspectiva da teoloxía feminista:

Vidal Collazo, Marisa. “Santa Inés. Lorena Conde, Ed Urutau, 2019.” Encrucillada: Revista galega de pensamento cristián 44.216 (2020): 112-115.

Máis sobre Lorena Conde

Na súa páxina web

A obra de Lorena Conde desde a crítica literaria:

Palabra de Gatsby (10/05/2020)

En prensa:

Praza Pública (18/02/2022)

La Voz de Galicia (06/05/2021)

Diario de Pontevedra (11/09/2020)

La Voz de Galicia (18/05/2018)

Publicado en Lorena Conde, teatro | Etiquetado | Deixar un comentario

Ismael Ramos e a súa obra Lixeiro

O día 10 de febreiro, ás 16 horas, temos novo encontro literario. Desta volta será ISAMAEL RAMOS quen nos acompañe para falarmos sobr o último poemario publicado, Lixeiro. Se a situación pandémica nolo permite, será na Sala Xoana Torres.

Ismael Ramos naceu na Picota (Mazaricos) en 1994. É escritor e profesor de literatura e lingua castelá en educación secundaria.

Comeza a publicar no ano 2013 coa plaquete Hábitat/Interferencias (Concello de Outes), tras acadar o XVI Premio Francisco Añón de poesía. Nese mesmo ano establece un diálogo con María do Cebreiro que intitulan A ferida, que xorde da transcrición dunha conversa en twitter entre ambas voces poéticas arredor da relación entre literatura e ferida. Foi lido no que se veu en chamar un “Banquete post-platónico”, en Compostela.

Axiña chegan outros galardóns como o Premio Minerva nas modalidades de poesía e narrativa, o segundo Premio Ánxel Casal con Capricho (poesía existencial demasiado azucrada) e o segundo Premio de poesía do concurso Xuventude Crea con O grande pecador (2014).

Posteriormente virían os tres poemarios: Os fillos da fame (Xerais, 2016), co que acada o XVIII Premio Johán Carballeira e o Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de poesía de 2016, Lumes (Apiario, 2017), galardoado tamén co Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de poesía de 2017 e o Premio ao mellor libro editado en 2017 na Gala do Libro Galego. Coa tradución desta obra (Fuegos, La vella Varsovia, 2019) acadou o Premio Javier Morote 2020. O seu último poemario, Lixeiro (Xerais, 2021), tamén foi traducido ao español pola editora Vella Varsovia.

Pódense ler algún dos seus poemas en revistas como  A BacanaClarínGrial, Luzes, Oculta Lit, PlayGround, tr3sreinos, Waxwing ou Dorna.

Ten poemas traducidos ao español, inglés, francés e portugués.

A súa obra está escolmada en varias antoloxías: Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de expansión (Editorial Bubela, 2013), No seu despregar (Apiario, 2016), 13. Antoloxía da poesía galega próxima (ed. bilingüe, Chan da Pólvora / papeles mínimos, 2017), Poetízate. Antoloxía da poesía galega (Xerais, 2018, 15ª edición) ou Piel fina. Joven poesía española (Ediciones Maremagnum, 2019).

Tamén é parte da obra 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca (Biblos Clube de Lectores, 2015). Poesía.

O día 1 de febreiro sairá do prelo unha nova obra colectiva, O ano do tigre, con cinco pezas de narrativa de Lucía Alda, Xiana Arias, Patricia A. Janeiro, Carlos Lixó e Ismael Ramos.

Na rede, mantivo o blog Interferencias e actualmente escribe en O triste Stephen. Desde 2021 publica artigos de opinión no xornal El Diario

Máis sobre o autor

Cid, Alba. (2016). Branco como o final do verán: Os fillos da fame, ismael ramos. edicións xerais, 2016, 52 páxinas. Grial: Revista Galega De Cultura, (54), 93-94. 

La Voz de Galicia (por Laura Martelo, 28/5/2021)

Poetas di(n)versos: Ángelo Néstore e Ismael Ramos (23/11(2020)

Presentación de Lixeiro (NUMAX, 9/6/2021)

Ramos, Ismael. (2011). October’s requiem. Dorna: Expresión Poética Galega, (35), 36-37. 

–. (2013a). Frédéric. Dorna: Expresión Poética Galega, (36), 45-46. 

–. (2013b). Interferencias. Grial: Revista Galega De Cultura, (198), 79-81. 

–. (2014). A calor. escenas. Dorna: Expresión Poética Galega, (37), 44-46. 

–. (2015). Alas i cannot swim. Dorna: Expresión Poética Galega, (38), 103-104. 

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

REBECA BACEIREDO. Animais de estimação e bestas de companhia

Escritora e filósofa ourensá, Rebeca Baceiredo é licenciada en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora en filosofía. A súa tese de doutoramento foi construída arredor do pensamento de Gilles Deleuze, co título:  Achegas onto-éticas para a liberación do suxeito. Unha aproximación a partir da filosofía de Gilles Deleuze. Complementa a súa formación académica cun Máster en museoloxía, arte e crítica contemporánea.

Cultiva varios xéneros literarios, aínda que con preferencia polo ensaio filosófico. En 2006 publica O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo (Galaxia)obra de pensamento coa que acada o Prémio Ramón Piñeiro de Ensaio. Seguiranlle as obras  (repeat to fade) (Estaleiro, 2011), A revolución non vai ser televisada: devir imperceptible seguindo a Gilles Deleuze, este último acadou o prémio AELG de Ensaio en 2013. En 2014 Estaleiro presenta E meterei a miña lei no seu peito, obra entre a ficción e o filosófico, onde a música ten un papel tamén importante.

“A partir do fluír de dúas cancións de Tom Waits e Nick Cave se propoñen dous itinerarios de lectura a modo de caras A e B do disco da vida.”

Rebeca Baceiredo en El Confidencial

Outros ensaios posteriores sonCapitalismo e fascismo (Euseino?, 2015), Oiko-nomía do xénero, A verdade errada e a representación errante (Axóuxere, 2016), A verdade errada e a representación errante (Euseino?, 2018), Animais de estimação e bestas de companhia (Através, 2019) e xa en 2021, tamén en Através publica Como não ser, tranquilamente, human@s. Técnica e política da Antiguidade à era neoliberalNeste último libro fai un percorrido polo pensamento político e filosófico desde a antigüidade até o mundo actual.

Até o día de hoxe ten publicadas dúas obras poéticas:  O canto da Sibila (Dombate, 2016)  e Libro de horas (Urutau, 2019).

Son tan pobre coma unha viúva india.

Busco os desertos

o peso do infinito

en cada gran de area.

Rebeca Baceiredo en Canto da Sibila

En narrativa ten o libro de relatos Éxodo (Ápeiron, 2020), que toma como eixo o éxodo bíblico. 

Participa tamén en obras colectivas como: “A revolución como frecuencia e o comunismo como ontoética” na moografía editada por Teresa Moure, Bolcheviques (Xerais, 2016) ou “Sempre vou coas folerpas da túa nada”, en: Manuel María. Libro colectivo de homenaxe (Deputación de Lugo, 2017). 

Debemos salientar, igualmente, o seu traballo fotográfico onde está o proxecto Who the fuck is alice?, compostopor cinco series fotográficas: Feminidades / resistencias / ICON / Operarias /As mozas das cancións, do que podemos ver unha parte na sala Xoana Torres da nosa Biblioteca. Expuxo no Outono Fotográfico en dúas ocasións, en 2015 e 2016 (Casa da Xuventude de Ourense, IES Chamoso Lamas, Casino O Carballiño e Casa Museo Casares Quiroga). En 2016 participou na Bienal Internacional de Arte Contemporáneo Emergente Eve-Maria Zimmermann (BACOS, Santa Cruz de Tenerife), no Festival Smack, Armarçao da Pêra (Algarve, Portugal),  Ladyfest (Barcelona), X Inundart (Girona). 

A súa obra reflexiona arredor da construción da subxectividade dentro da sociedade contemporánea e abrangue aspectos bio-éticos, ontolóxicos ou políticos. Igualmente traballa arredor da representación dos corpos da muller dentro dos mecanismos de poder do sistema neoliberal e capitalista.  

Pensamento, poesía e ficción amalgámanse en produtos híbridos. Así, os seus poemas son espazos de reflexión, como o son as súas ficcións narrativas e mesmo as series fotográficas.  

Tamén ten publicados artigos en revistas académicas e científicas:

Baceiredo, Rebeca (2006). Road to nowhere. Grial: Revista Galega De Cultura, (171), 81-83.

— (2007). Comunidade, liberdade e razóns. Interea Visual, (9), 42. 

— (2012). Nos desertos hai tribos. Grial: Revista Galega De Cultura, (195), 77-79. 

— (2013). Das identidades alternas ás alternativas: Saír dos corpos programados. Anotacións Sobre Literatura E Filosofía.: Euseino, (2) 

— (2015a). Comunidade e poder: Mareas e desexos. Revista Internacional De Comunicación Y Desarrollo (RICD), 1(1), 117-125. 

— (2015b). Funcións sociais, xénero e propiedade. Anotacións Sobre Literatura E Filosofía.: Euseino, (8), 33-59. 

— (2016). Distopía: Algunhas bases modernas dunha imaxinación violenta. Cómaros: Revista Interdisciplinar De Pensamento Galego, 1(2) 

Ler a súa poesía (Palavra comum)

Se queres saber máis sobre Rebeca Baceiredo:

Galipedia

Entrevista na revista Palavra comum (4/1/2016)

Entrevista en Praza Pública (1/19/2021)

Zigzag diario 5/12/2016 

Como não ser, tranquilamente, human@s (Rebeca Baceiredo) | OS LIVROS FALAM (Através editora)
Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

Retomamos: Berta Dávila

Entrada do blog creada por Manuel Ucha Gómez, alumno na Facultade de Filoloxía da UDC e membro colaborador do club de lectura Nébeda.

Ola nebedianos e nebedianas como xa sabedes a nosa próxima autora será Berta Dávila, que estará con nós o xoves 14 de outubro ás 16 h. no espazo que a situación epidemiolóxica nos permita. Gustarianos que fose na nosa sala Xoana Torres porén, é posíbel que teña que ser no Salón de graos da Facultade de Ciencias da Educación. Outra opción que barallamos é no exterior da facultade, se o tempo o permite. Avisaremos.

Nada en Santiago de Compostela 1987, Berta Dávila é unha salientábel poeta e novelista.

Como poeta ten publicados tres libros: Corpo baleiro (Espiral Maior, 2007), Dentro (Fervenza, 2008), Premio Avelina Valladares, e Raíz da fenda (Xerais, 2013). Con esta última acadou o Premio Johán Carballeira de poesía, o Premio da Crítica española 2013 e o Premio da AELG 2013.

Sempre me corto cos folios

que conteñen as túas palabras,

e a ferida do dedo axúdame a sandar

outra ferída máis fonda,

esa que levo debaixo das pálpebras

molladas de presencias ausentes.

(Dentro, 2008)

Comezou no campo da narrativa despois de gañar o premio Biblos de Novela para autoras e autores de 25 ano, con Bailarei sobre a túa tumba (2008). Seguiranlle o libro de relatos A arte do fracaso (Barbantesa, 2010); O libro derradeiro de Emma Olsen (Premio de Narrativa Curta 2013, Premio da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de ficción), posteriormente adaptado como novela gráfica por Pablo Prado (Galaxia, 2020); Carrusel (Galaxia, 2019), co que acadou o XXIV Premio García Barros de Novela e o Premio para a crítica española na modalidade de lingua galega. No 2020 obtén o Premio Repsol de Narrativa Breve por Illa Decepción (Galaxia, 2020).

Ten publicados tamén dous libros infantís, o album ilustrado A Fuxida, con ilustracións de Inma Doval (Biblos, 2014), e o poemario A pel do mundo, ilustrado por Alba Cid (Galaxia, 2017).

Completan a súa produción bibliográfica artigos, comunicacións en congresos e algunhas colaboracións en obras colectivas como o recentemente publicado, Libres e vivas (Galaxia, 2021), onde dez narradoras reflexionan arredor da igualdade, a violencia machista ou o sistema patriarcal.

Berta Dávila tamén é tradutora, tendo verquido en galego os poemas de Juan Bello Sánchez (Tulipa, 2018). Salientamos, igualmente, a súa faceta como artista plástica,

Sobre Carrusel

Diario cultural da RTVG: Berta Dávila lenos o capítulo cero de Carrusel (13/10/2019)

Sobre Illa decepción

Diario cultural da RTVG: “Illa Decepción”: a novela refuxio de Berta Dávila (27/01/2021)

Recepción crítica

Marante Arias, Antía (2014). Memoria, infancia, fenda”. Un achegamento á construción da identidade nas voces poéticas femininas máis recentes. Itinerarios: Revista De Estudios Lingüisticos, Literarios, Históricos Y Antropológicos, (20), 25-34. 

Berta Dávila na prensa

Entrevistas

Entrevistada por Montse Dopico (2016)

Entrevista de Carlos Meixide en Praza (2019)

Entrevista a Berta Dávila, Premio Guillermo de Baskerville 2015 (Javier Miró)

Entrevista de Adrián Vieitez en Zenda Libros arredor de Carrusel (2021)

Entrevista de Inma Otero (2021)

Se queres saber máis sobre ela:

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario