Gustavo Pernas: Isóbaras

cartace2_gustavo_pernasGustavo Pernas (Viveiro, 1959) é Licenciado en Xeografía e Historia, sección Historia da Arte, pola Universidade de Santiago de Compostela (1981) e estudos de Arte dramática en Madrid. Actualmente profesor na Escola de Imaxe e Son  da Coruña e impartiu docencia na Universidade da Coruña de dramaturxia e arte actual no “Mestrado Estudios Teatrais e Audiovisuais”. Escritor de teatro e guións de televisión, actor, director de teatro e dobraxe, e realizador de curtametraxes.

En 1989 funda, con Ánxela G. Abalo a compañía de teatro “Áncora Producións”, na que representa os seus propios textos, dirixidos por el ou por Ánxela G. Abalo, seguindo así a liña doutros dramaturgos como Roberto Vidal Bolaño ou Manuel Lourenzo. É unha aposta por facer teatro galego e en galego, como di o propio autor nunha entrevista que lle fixo Carlos Loureiro para Encontros coa cultura (19 de Maio do 2015 ): “Facer teatro en galego e desde Galicia tamén era un obxectivo abondo arriscado e segue a selo, non hai máis que mirar a regresión e os ataques gobernamentais á nosa lingua.“ A compañía será galardoada co “Premio Roberto Vidal Bolaño” en 2008.

Gustavo dedícase profesionalmente ao teatro en todos os seus ámbitos: escrita, interpretación, dirección e produción, asi como o seu ensino e á investigación.

Moitas das súas obras recibiron premios e algunhas foron representadas noutros países: Portugal, Uruguai e Francia, incluso antes que en Galicia.

gustavo_o_galego_mulata

Imaxe da representación de O galego, a mulata e o negro foto de Kufas. Fondo Francisco Pillado (Biblioteca Facultade Filoloxía-UDC)

A súa primeira obra publicada é unha comedia, O galego, a mulata e o negro, que sería estreada en 1991 e que acadaría ese mesmo ano o “Premio Compostela”. Nesta obra fai un percorrido pola historia de Cuba e Galicia nos últimos 100 anos en clave de humor. Séguelle Ladraremos, estreada en 1996, galardoada co “Premio María Casares” ao mellor texto dramático, logo virá Fábula (1996) e Anatomía dun hipocondríaco. Estas dúas últimas obras forman con Ladraremos a triloxía Comedias paranoicas e serán publicadas por Xerais en 2000. Sucesos, formado pola obras Ruínas, A vella sensación do prohibido, Branco e negro, e Ai, que sería de nós sen os obreiros!, estréase en 2000 e será publicada en 2004 por Laiovento.  Con Footing e Final de película obterá o premio Rafael Dieste, da Deputación da Coruña, que inclúe a produción da posta en escena. Final de película, obra que rende homenaxe ao mundo do cine,  tamén recibirá o “Premio Max das artes escénicas”.  Biblos publicará Medidas preventivas (2006) e Embora Taras mínimas (2007), que tamén serán representadas. Editions de L’amandier publica Crier aux Abois (2008). En 2011 Laiovento saca a triloxía Tres logonomos (2011), formada a súa vez por Colgados, Pisados e Snakizados, obras representadas cunha estética moi “futurista”. En 2013 Xerais publica a obra Isóbaras, que acadara o “Premio Álvaro Conqueiro” en 2012 e que ao ano seguinte levaría o Premio Fervenzas literarias ao mellor libro de literatura dramática.

Ademais de teatro, Gustavo escribe ensaio, como Os ollos de Victorine e a construción da cuarta parede, publicada en  2006 por Laiovento. Ten publicados artigos de revista e participado en numerosas obras colectivas.

As súas obras son incluídas moitas veces no xénero da comedia, mais son obras de forte crítica social, das que emerxe  a traxedia vital do ser humano. Como di Manuel F. Vieites (1998: 155-156), “trala risa xeralmente vén a reflexión” . A súa obra está entre o real e o surreal, o esperpento de Valle Inclán, o absurdo de Becket, ou o existencialismo de Sartre e Camus, a sátira e a ironía. Nos seus textos están a soedade, a incomunicación, o desexo, o sexo, as relacións home-muller, Gustavo reflexiona sobre todo o que nos afecta como individuos, os nosos dramas internos, a crise existencial, porén como parte dunha sociedade.

Referencias bibliográficas e obras publicadas por Gustavo Pernas..

isobarasA obra dramática Isóbaras, de Gustavo Pernas,  foi publicada en 2013 por Xerais, obtivo o Premio Álvaro

 

Cunqueiro de escritura teatral de la Consellería de Cultura.

Oito personaxes reúnense na rúa en distintos momentos para apañar unha raiola de sol. É a única luz e calor, despois escuridade , as bombas e explosións.  Predominan os monólogos interiores, símbolo da individualidade da nosa sociedade, que se contrapón cos escasos diálogos que se establecen entre eles. A través deles achegámonos ás principais preocupacións e problemas da sociedade actual: a crise económica, a dependencia dos maiores, a emigración ou a incomunicación. Os personaxes móvense nunha atmosfera na que os seus conflitos xiran uns arredor doutros, como as isóbaras, as liñas de presión atmosférica, nun mapa do tempo.

 

“Gústanme as diferentes lecturas, romper coa dinámica do branco e o negro. Os personaxes teñen distintas capas e cada un deles pode xustificar as súas accións, argumentar isto ou aquilo. Cada un é fillo das súas circunstancias e experiencias. A obra ofrece ao lector, e esperemos que a un futuro espectador, un método ou un camiño para descubrir as interseccións, os puntos en común, é como ese xogo dos encrucillados onde podes reseguer os puntos e sae un debuxo ou outro. Esta é unha obra de encrucilladas, de solitarios que ignoran que a súa voz ten eco de coro.” (2015: par. 7)

 

Algo moi presente nesta obra é o son: os ruídos, estrondos, bombas, ruídos metálicos de coitelos, disparos; tamén música, jazz, percusión e tambores.

 

A obra está dispoñible na Biblioteca, accesible dende o noso catálogo.

Referencias bibliográficas:
Loureiro, C. e Pernas Cora, G. (21 de maio de 2015). Gustavo Pernas: O dramaturgo ás veces convértese en demiurgo na voz do intérprete. [post de blog]. Blog da Axenda Cultural AELG. Dispoñible en http://axendaaelg.blogaliza.org/tag/isobaras/

 

Advertisements

About nebedaclube

Clube de lectura e encontros literarios da Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación, da Universidade da Coruña.
Estas entrada foi publicada en Gustavo Pernas Coira, teatro coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s