
Nee Barros (Ourense, 2002) é escritore, así como activista cultural e polos dereitos das persoas transxénero. Utiliza as canles sociais (Instagram, Tik Tok, Twitter, Youtube ou Linktree), coñecide como @neeumatiko, coma medio de divulgación literaria e de promoción da lingua galega. Igualmente salientamos o seu traballo como activista LGBTIQA+ en todas as redes sociais, a través da difusión de temas relacionados coa realidade trans e coa linguaxe non binaria, entre outros.
A súa labor coma youtubeire comeza durante o confinamento e ten sido recoñecida en varias ocasións, entre eles o Premio á calidade Lingüística no certame Youtubeiras no ano 2019 e 2022. Este certame é promovido por varios concellos galegos aos que se unen a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. Na entrega do premio recoñecíaselle por “ser un referente en Youtube en galego cunha alta capacidade comunicativa, creativa e lingüística”. Complementa os seus oficios co de músico, xa que canta e toca o baixo na banda de pop rock Froalla, formada en 2018 ao abeiro do proxecto Xeración Sónica promovido pola Concellaría de Xuventude de Pontevedra.
Escribe poesía, micro-relato e teatro, que complementa coas letras das cancións do seu grupo musical. Utiliza linguaxe non binaria e tenta dar voz a todas esas persoas que non adoitan estar representadas na literatura.
“intento dar voz a cousas que a min me gustaría que estiveran representadas”
Nee Barros en Nós diario 27/12/2022
Ten publicadas tres obras: A metamorfose forzada ou xuízo nun acto (Erregueté, 2019) nos Cadernos Pygmalión nº 2, gañadora do premio de Teatro breve da XXIII Mostra de Teatro de Ensino Secundario do Morrazo; 19 poemas para um VÍRUS-19 (Arte Calavera, 2020) e Identidade. A normalidade do non-común (Galaxia, 2021).
Tamén ten textos en obras colectivas como Tes cinco minutos #1 (Galaxia, 2021) ouna escolma de poesía novísima editada por Carlos da Aira: 21 poetas do século XXI (Aira, 2021).
Neste ano sairá, da man de Cuarto de inverno, Nom estamos quebrades, após acadar o V premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil (2022). O xuri salientou, alén da composición, o ritmo narrativo e a escrita, a cantidade de referentes tanto musicais como literarios presentes no texto:
Ten un ritmo narrativo equilibrado que destila honestidade na parella protagonista, numerosas citas ao seu universo musical onde atopamos a Mercedes Peón, Tanxugueiras, Ataque Escampe, Baiuca pero tamén referencias a firmas literarias como Lorena Conde, Eli Ríos, Eva Mejuto, Xela Arias e á obra Anagnórise, a obra máis traducida de María Victoria
Luz Gallego
A este premio precedéronlle outros como: Lingua de Namorar (2018 e 2020); o premio polo seu microrelato Réquiem na IV edición Prensa-Escuela (2018); o acadado no certame de narración curta Concello de Curtis (2019), co título Marcianación; ou os do III Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal na Categoría Xuvenil (2020) e o do XVIII Certame de Poesía no Ben Veñas Maio (2020), entre outros.

Identidade é unha peza teatral escrita en cinco atos, publicada por Galaxia dentro da colección Costa Oeste (2021). “Unha obra de teatro que fala da liberdade, da necesidade de ser e, sobre todo, da identidade. O simple acto de nacer marca a nosa vida nun molde que a sociedade se encarga de contornar e puír. Mais, que pasa se nacemos nun molde “equivocado”? Zé, o noso protagonista, vive unha historia chea de valentía, loitando a contracorrente por construír a súa propia identidade. Coa complicidade dos seus amigos e a súa familia, percorrerá un camiño en que moitas vendas negras, que tapan os ollos e a alma, caerán ao chan. Rompendo todos os moldes, Zé será quen de amosarlle a todas as persoas que dá igual como te vexan os demais. O máis importante é como nos sentimos nós, ser quen queiramos ser e seguir sempre o que dite o noso corazón.” (Galaxia).
Críticas sobre Identidade:
Tensi gesteira (Lecturafilia, 22/12/2021)
Crítica en Erregueté (por Bañera, 13/09/2021)
Crítica de Manrique Fernández (9/05/2021)
Queres saber máis sobre Nee?
Visita a súa canle de Youtube
Nee Barros, do youtube en galego á creación literaria (Nós TV)
Entrevista en Praza 27/09/2021, realizada por Iria Curros
Entrevista en Associaçom Galega da Língua por Valentín Fajín 20/04/2021