Encontro con Helena Villar Janeiro. De rosa antiga

O día 24 de novembro teremos con nós, na sala Xohana Torres, a helena Villar Janeiro, con quen falaremos arredor da súa obra e, en especial, da antoloxía recentemente publicada De rosa antiga.

Con case medio centenar de libros publicados en solitario, aos que engadimos todos aqueles que publicou con Xesús Rábade Paredes, cómplice de creación e compañeiro de vida, así como a súa participación en obras colectivas, podemos dicir que Helena Villar Janeiro é unha das voces literarias galegas máis prolíficas. 

Nada en Becerreá (Lugo) en 1940 nunha familia de escasos recursos económicos porén, como ela sempre indica, gran amante da cultura e cun pai músico que influiría para que sempre devecese polo bel canto; ser cantante de ópera foi a súa verdadeira vocación. No eido da música compuxo cancións infantís e escribiu a música de Cantan os nenos. O libro de María, ao que acompañan textos de Xesús Rábade Paredes (Consellería de Cultura, Santiago, 1984), libro que foi utilizado no Conservatorio de Santiago e creado tendo en conta as tendencias pedagóxicas.

Abandona a música e entrégase ao ensino; tras cursar Maxisterio comeza un periplo como mestra por diferentes aldeas dos Ancares. Máis tarde licénciase en Filosofía e Letras na Universidade Complutense de Madrid o que lle permitiría pasar a ser profesora de educación secundaria e como tal se xubila en 2001 no IES Xelmírez de Compostela. Durante anos compaxinou os seus estudos universitarios e o desenvolvemento da súa carreira profesional con outras formacións complementarias como francés, guitarra, pintura ou modelado. Alén de todo isto, publica o seu primeiro poemario, Alalás en 1972. Comeza aquí a imparábel carreira literaria dunha grande poeta. Despois de Alalás virían: Rosalía no espello (Padroado Rosalía de Castro, 1985), Festa do corpo (Deputación da Coruña, 1994), Álbum de fotos (Espiral Maior, 1999), Nas hedras de clepsidra (Edicións do Castro, 1999), Pálpebra azul (PEN Clube de Galicia, 2003), Remontar o río (Tirar do fío, 2014), Poesía mínima./Minimal Poetry, (Alvarellos Editora, 2018) e este ano, 2022, De rosa antiga (Galaxia).

Como narradora ten publicados os contos: O enterro da galiña de Domitila Rois (Galaxia, 1991) e A tarde das maletas (Contos do Castromil, 1992).

A súa pegada na literatura infantil e xuvenil é forte, sendo una das autoras que máis contribuíron a xerar boas lecturas neste xénero tantas veces deostado e pouco coidado. Ela desfruta contando porque a oralidade sempre a acompañou, desde nena. Tamén elaborou poemas para nenas e nenos, mesmo inéditos. Salientamos dentro da LIX:  O día que choveu de noite (Galaxia, 1985), traducida ao castelán,ao cataláne ao éuscaro; Vermiño (Galaxia, 1988), tamén con tradución a diversas linguas; Patapau (Ir Indo, 1989), .Don Merlo con chaqueta (Xerais, 1993),Contos do paxaro azul (Sotelo Blanco, 1994); Na praia dos lagartos (Edicións do Castro, 2004); Contos do Sol e da Lúa (Alvarellos, 2017); ou Alba (Vigo, 2021).

Igualmente, adoita escribir ensaio tanto de contido pedagóxico ou relacionado coa lingua como doutros temas de actualidade: Os equipos de normalización lingüística nos centros de ensino (Xunta de Galicia ,1993), Delas (Toxosoutos, 1999), Paseos literarios (Xunta de Galicia, 2001), Feminino plural (El Correo Gallego, 2003) ou O sabor da terra (Galaxia, 2005).

Participa en obras colectivas e realizou moitas delas en colaboración con Xesús Rábade Paredes, como o libro Os símbolos de Galicia. A bandeira, o escudo e o himno, que acadou o premio “Patronato Rosalía de Castro” para mestres e pedagogos de Galicia (1979). Completan a produción escrita numerosos artigos en prensa (columna no Correo Gallego desde 1992) e revistas especializadas, libros de texto e multitude de reflexións no seu blog Tirar do fío.

Helena Villar Janeiro estende a súa creación alén da palabra até chegar á imaxe fotográfica. Despois de dedicar un tempo á pintura e cerámica, chégalle a afección pola fotografía, que comezaría polas flores do seu xardín e a levaría a fotografar o paso do tempo e a memoria, temas principais da súa obra visual  actual. Comezou coa obra O álbum da marquesa, quizais o seu primeiro traballo fotográfico e continuou cos haikus mixtos, que publica tanto nas redes sociais como no libro trilingüe Poesía mínima (Alvarellos, 2018). Actualmente expón a mostra Luz e mar en Setefogas na libraría Biblos de Betanzos (até o 26 de decembro de 2022).  

Acadou varios premios que culminaron con aquel que lle concede a AELG en 2016 e que a nomea coa letra E de escritora, un recoñecemento á toda a súa labor literaria.

Gran educadora e activista cultural e social, anima á creación de APADEL (Asociación de Pais en Defensa da Lingua) en 1985. Presidiu, entre 2005 e 2012 a Fundación Rosalía de Castro e foi membro do Plenario do Consello da Cultura Galega, colaborando na elaboración de dous traballos: o ditame sobre as “Bases para a elaboración do decreto de plurilingüismo” e o “Borrador e memoria xustificativa da proposta de Lei do Panteón de Galicia”.

A autora está moi presente nas redes sociais onde escribe sobre temas relacionados coa nosa lingua, a memoria histórica, creación poético-visuais e moitos temas da política actual, sempre con humor e ironía: Twitter e Facebook.

O seu último libro publicado é De rosa antiga, onde a autora realiza unha escolma dos seus 50 anos de escrita lírica, desde a publicación de Alalás en 1972 até hoxe e que mesmo contén algúns textos inéditos. 

Crítica realizada por Ramón Nicolás en Caderno da crítica 9/10/2022

Entrevistas

Nós Diario (entrevista de Montse Dopico, 7/06/2021)

Palavra Comum (3/7/2015)

Cuestionario Proust (Lecturafilia) (4/10/2022)

Videoensaio en homenaxe a Helena Villar Janeiro, producido pola Fundación Carlos Casares e realizado por Ricardo Araújo e Laura Guizán dentro da actividade cultural “Coordenadas. Diálogos Literarios da Fundación Carlos Casares”, celebrada no auditorio do Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela os días 17 e 18 de xuño de 2022, co patrocinio do Concello de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia.
Advertisement
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s