
O día 10 de febreiro, ás 16 horas, temos novo encontro literario. Desta volta será ISAMAEL RAMOS quen nos acompañe para falarmos sobr o último poemario publicado, Lixeiro. Se a situación pandémica nolo permite, será na Sala Xoana Torres.
Ismael Ramos naceu na Picota (Mazaricos) en 1994. É escritor e profesor de literatura e lingua castelá en educación secundaria.
Comeza a publicar no ano 2013 coa plaquete Hábitat/Interferencias (Concello de Outes), tras acadar o XVI Premio Francisco Añón de poesía. Nese mesmo ano establece un diálogo con María do Cebreiro que intitulan A ferida, que xorde da transcrición dunha conversa en twitter entre ambas voces poéticas arredor da relación entre literatura e ferida. Foi lido no que se veu en chamar un “Banquete post-platónico”, en Compostela.

Axiña chegan outros galardóns como o Premio Minerva nas modalidades de poesía e narrativa, o segundo Premio Ánxel Casal con Capricho (poesía existencial demasiado azucrada) e o segundo Premio de poesía do concurso Xuventude Crea con O grande pecador (2014).
Posteriormente virían os tres poemarios: Os fillos da fame (Xerais, 2016), co que acada o XVIII Premio Johán Carballeira e o Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de poesía de 2016, Lumes (Apiario, 2017), galardoado tamén co Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de poesía de 2017 e o Premio ao mellor libro editado en 2017 na Gala do Libro Galego. Coa tradución desta obra (Fuegos, La vella Varsovia, 2019) acadou o Premio Javier Morote 2020. O seu último poemario, Lixeiro (Xerais, 2021), tamén foi traducido ao español pola editora Vella Varsovia.





Pódense ler algún dos seus poemas en revistas como A Bacana, Clarín, Grial, Luzes, Oculta Lit, PlayGround, tr3sreinos, Waxwing ou Dorna.
Ten poemas traducidos ao español, inglés, francés e portugués.
A súa obra está escolmada en varias antoloxías: Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de expansión (Editorial Bubela, 2013), No seu despregar (Apiario, 2016), 13. Antoloxía da poesía galega próxima (ed. bilingüe, Chan da Pólvora / papeles mínimos, 2017), Poetízate. Antoloxía da poesía galega (Xerais, 2018, 15ª edición) ou Piel fina. Joven poesía española (Ediciones Maremagnum, 2019).
Tamén é parte da obra 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca (Biblos Clube de Lectores, 2015). Poesía.
O día 1 de febreiro sairá do prelo unha nova obra colectiva, O ano do tigre, con cinco pezas de narrativa de Lucía Alda, Xiana Arias, Patricia A. Janeiro, Carlos Lixó e Ismael Ramos.





Na rede, mantivo o blog Interferencias e actualmente escribe en O triste Stephen. Desde 2021 publica artigos de opinión no xornal El Diario.
Máis sobre o autor
Cid, Alba. (2016). Branco como o final do verán: Os fillos da fame, ismael ramos. edicións xerais, 2016, 52 páxinas. Grial: Revista Galega De Cultura, (54), 93-94.
La Voz de Galicia (por Laura Martelo, 28/5/2021)
Poetas di(n)versos: Ángelo Néstore e Ismael Ramos (23/11(2020)
Presentación de Lixeiro (NUMAX, 9/6/2021)
Ramos, Ismael. (2011). October’s requiem. Dorna: Expresión Poética Galega, (35), 36-37.
–. (2013a). Frédéric. Dorna: Expresión Poética Galega, (36), 45-46.
–. (2013b). Interferencias. Grial: Revista Galega De Cultura, (198), 79-81.
–. (2014). A calor. escenas. Dorna: Expresión Poética Galega, (37), 44-46.
–. (2015). Alas i cannot swim. Dorna: Expresión Poética Galega, (38), 103-104.