
Escritora e filósofa ourensá, Rebeca Baceiredo é licenciada en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora en filosofía. A súa tese de doutoramento foi construída arredor do pensamento de Gilles Deleuze, co título: Achegas onto-éticas para a liberación do suxeito. Unha aproximación a partir da filosofía de Gilles Deleuze. Complementa a súa formación académica cun Máster en museoloxía, arte e crítica contemporánea.
Cultiva varios xéneros literarios, aínda que con preferencia polo ensaio filosófico. En 2006 publica O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo (Galaxia), obra de pensamento coa que acada o Prémio Ramón Piñeiro de Ensaio. Seguiranlle as obras (repeat to fade) (Estaleiro, 2011), A revolución non vai ser televisada: devir imperceptible seguindo a Gilles Deleuze, este último acadou o prémio AELG de Ensaio en 2013. En 2014 Estaleiro presenta E meterei a miña lei no seu peito, obra entre a ficción e o filosófico, onde a música ten un papel tamén importante.
“A partir do fluír de dúas cancións de Tom Waits e Nick Cave se propoñen dous itinerarios de lectura a modo de caras A e B do disco da vida.”
Rebeca Baceiredo en El Confidencial
Outros ensaios posteriores son: Capitalismo e fascismo (Euseino?, 2015), Oiko-nomía do xénero, A verdade errada e a representación errante (Axóuxere, 2016), A verdade errada e a representación errante (Euseino?, 2018), Animais de estimação e bestas de companhia (Através, 2019) e xa en 2021, tamén en Através publica Como não ser, tranquilamente, human@s. Técnica e política da Antiguidade à era neoliberal. Neste último libro fai un percorrido polo pensamento político e filosófico desde a antigüidade até o mundo actual.
Até o día de hoxe ten publicadas dúas obras poéticas: O canto da Sibila (Dombate, 2016) e Libro de horas (Urutau, 2019).
Son tan pobre coma unha viúva india.
Busco os desertos
o peso do infinito
en cada gran de area.
Rebeca Baceiredo en Canto da Sibila

En narrativa ten o libro de relatos Éxodo (Ápeiron, 2020), que toma como eixo o éxodo bíblico.
Participa tamén en obras colectivas como: “A revolución como frecuencia e o comunismo como ontoética” na moografía editada por Teresa Moure, Bolcheviques (Xerais, 2016) ou “Sempre vou coas folerpas da túa nada”, en: Manuel María. Libro colectivo de homenaxe (Deputación de Lugo, 2017).
Debemos salientar, igualmente, o seu traballo fotográfico onde está o proxecto Who the fuck is alice?, compostopor cinco series fotográficas: Feminidades / resistencias / ICON / Operarias /As mozas das cancións, do que podemos ver unha parte na sala Xoana Torres da nosa Biblioteca. Expuxo no Outono Fotográfico en dúas ocasións, en 2015 e 2016 (Casa da Xuventude de Ourense, IES Chamoso Lamas, Casino O Carballiño e Casa Museo Casares Quiroga). En 2016 participou na Bienal Internacional de Arte Contemporáneo Emergente Eve-Maria Zimmermann (BACOS, Santa Cruz de Tenerife), no Festival Smack, Armarçao da Pêra (Algarve, Portugal), Ladyfest (Barcelona), X Inundart (Girona).
A súa obra reflexiona arredor da construción da subxectividade dentro da sociedade contemporánea e abrangue aspectos bio-éticos, ontolóxicos ou políticos. Igualmente traballa arredor da representación dos corpos da muller dentro dos mecanismos de poder do sistema neoliberal e capitalista.
Pensamento, poesía e ficción amalgámanse en produtos híbridos. Así, os seus poemas son espazos de reflexión, como o son as súas ficcións narrativas e mesmo as series fotográficas.
Tamén ten publicados artigos en revistas académicas e científicas:
Baceiredo, Rebeca (2006). Road to nowhere. Grial: Revista Galega De Cultura, (171), 81-83.
— (2007). Comunidade, liberdade e razóns. Interea Visual, (9), 42.
— (2012). Nos desertos hai tribos. Grial: Revista Galega De Cultura, (195), 77-79.
— (2013). Das identidades alternas ás alternativas: Saír dos corpos programados. Anotacións Sobre Literatura E Filosofía.: Euseino, (2)
— (2015a). Comunidade e poder: Mareas e desexos. Revista Internacional De Comunicación Y Desarrollo (RICD), 1(1), 117-125.
— (2015b). Funcións sociais, xénero e propiedade. Anotacións Sobre Literatura E Filosofía.: Euseino, (8), 33-59.
— (2016). Distopía: Algunhas bases modernas dunha imaxinación violenta. Cómaros: Revista Interdisciplinar De Pensamento Galego, 1(2)
Ler a súa poesía (Palavra comum)
Se queres saber máis sobre Rebeca Baceiredo:
Entrevista na revista Palavra comum (4/1/2016)
Entrevista en Praza Pública (1/19/2021)