Encontro literario-artístico con Xesús Ron (Chévere)

O 22 de abril teremos con nós a Xesús Ron, un dos compoñentes do grupo de teatro Chévere. Será como é habitual ás 16 horas. Agradamos que poida ser presencial, no entanto, sempre nos queda a opción de Teams, se a situación pandémica nos obriga.

O grupo Chévere  foi creado en 1987 por Miguel de Lira, Xesús Ron, John Eastman e Vicente Mohedano Mira, incorporándose no ano seguinte Blanca Cedán. Actualmente está formado por Miguel de Lira, Xesús Ron, Patricia de Lorenzo, porén, mantén continuas colaboracións con artistas de diversos escenarios artísticos. É un grupo de teatro galego independente, “irreverente” e moi crítico coa realidade social actual. 

En 1992 crean a Sala Nasa (Nave de Servizos Artísticos) en Compostela e Chévere convértese nunha compañía de teatro residente até 2011 en que o concello de Santiago lles retira o apoio e pecha o espazo. Trasládanse ao concello de Teo, onde estarán tamén como compañía residente até 2019.

Durante os vinte anos en que xestionaron o espazo da sala Nasa crearon e ofreceron multitude de proxectos, entre eles as denominadas Ultranoites, especie de “cabarets colectivos” onde participaron a maior parte do elenco artístico teatral galego.

A partir de 2005 diversifican as súas producións e participan en proxectos audiovisuais como series de TVg (Pepe o inglés), documental (A Viaxe dos Chévere) ou cine (Crebinsky ou Eroski Paraíso). Entre os proxectos máis innovadores está a obra de teatro participativa a través das redes sociais, Amores Prohibidos 2.0.

Crean a plataforma redenasa.tv, con contidos culturais en galego e onde se pode consultar o  arquivo audiovisual da Sala Nasa.

No ano 2014 o Ministerio de Cultura concédeslle o Premio nacional de teatro por toda a súa traxectoria.

En 2015 inician Berberecheira.Lab, unha iniciativa de custodia do territorio teatral de xestión colectiva, ao abeiro do que se crearon tres proxectos: Goldi Libre (2016), de César Goldi; Salvador (2017), de Borja Fernández; e Anatomía dunha Serea (2018), de Iria Pinheiro.

En 2018 estrean Divinas palabras Revolution, adaptación da obra de Valle-Inclán, en co-produción con Centro dramático Galego.

Curva España é a súa última produción, estreada en xullo de 2019 e que tivo que ser cancelada por mor da pandemia da covid-19, ao igual que todos os espectáculos que tiñan en marcha.

Entre os proxectos actuais están:

  • Creación, en colaboración con concellos galegos, de audioguias ficcionadas. O público, provisto de auriculares, poderá mergullarse en historias de ficción ao tempo que percorren o espazo e coñecen a cultura do país.
  • Teatro en escaparates para reivindicar o comercio de proximidade.
  • Recuperación dalgúns traballos de teatro radiofónico

O teatro de Chévere é paradigmático como medio de transgresión de modelos patriarcais, así como de sensibilización e divulgación en temas de igualdade e loita contra a violencia machista.

Sempre na procura de novos espazos, ferramentas, proxectos e iniciativas para frear a precariedade laboral e artística que afecta a todo o sector. Imparten obradoiros onde traballan con adolescentes e colectivos en situación de vulnerabilidade. En definitiva, utilizan o teatro como unha ferramenta transversal que lles permite atravesar todo tipo de fronteiras e trazar unha rede que una arte e sociedade coa finalidade de crear, comunicar, entreter e transformar.

A partir de 2017 publican os textos das súas obras máis representativas na colección Biblioteca de Teatro da editorial Kalandraka, entre as que se inclúe Citizen.

Fotografía de Leticia T. Blanco

Xesús Ron é un dos membros do grupo Chévere. Actor, dramaturgo, director e activista cultural, nado en Vigo en 1965. Dentro do grupo participa na creación dos textos, na produción teatral, interpretación e dramaturxia.

Entre os anos 1999 e 2003 foi membro da xunta directiva da Red de Teatros Alternativos e do Consello Asesor do Centro Dramático Galego (2006-2009). Participou no activismo social e artístico xerado a partir do afundimento do Prestige, sendo parte do Colectivo  Burla Negra e da Plataforma Nunca Máis

Citizen é un proxecto teatral dividido en tres espectáculos autónomos (I, II e III), a modo de triloxía ou teatro por capítulos, que se estraeron na Sala Nasa de Santiago de Compostela entre os anos 2010 e 2011. Posteriormente crearíase un espectáculo conxunto de case catro horas de duración que superou as 120 representacións en España e os 10.000 espectadores/as. Obtivo un gran recoñecemento da crítica e foi presentado en festivais internacionais como Temporada Alta (Cataluña) e Escena Contemporánea (Madrid). Acadou o Premio da Crítica 2011 e 5 premios María Casares en 2012, da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (entre eles mellor espectáculo, mellor dirección, mellor actriz protagonista).

A obra ofrece unha amálgama entre teatro documental, comedia, performance e audiovisual. Nela conflúen diversos elementos e protagonistas (o filme Citizen Cane, unha data: 1975 -morte de franco e comezo da transición-, a figura de Amancio Ortega ou os movementos de asociación de estudantes nacionalistas galegos), nunha forte ironía cara ao sistema capitalista neoliberal e á globalización e os seus efectos na crise actual.

Parte do espectáculo pódese ver na web da rede nasa.

Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés nunha escena do espectáculo Citizen.

Créditos do espectáculo: Creación de Chévere. Dirixida por Xesús Ron. Actúan: Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés. Arranxos sonoros: Xacobe Martínez Antelo. Vídeos: Oroboro Films, Quadra producións. Son/proxeccións e Iluminación: Fidel Vázquez. Produción: Juancho Gianzo. Comunicación: Xana García. Deseño gráfico: Fausto Isorna. Producida co apoio de: AGADIC, Concello de Santiago de Compostela, INAEM. Economistas colaboradores: Xosé Manuel Beiras, Xavier Vence, Lidia Senra e Fernando García Tobío. Agradecementos a Óscar, Paco Bixou, Lola, Dominga, Amalia, Estrella, ás mulleres cooperativistas de Harmonía e Millenium, ao Padre Jorge, a Belén, a Fátima.

Máis información sobre Chévere na súa web.

Entrevistas a Xesús Ron:

Chévere: el teatro irreverente de un Premio Nacional que choca con las instituciones, (Entrevista a Xesús Ron, por Marcos Pérez Pena) (El Diario, 28 de septembro de 2019) https://www.eldiario.es/galicia/chevere_1_1471102.html

Entrevista a Xesús Ron (Grupo Chévere), Xornadas HIPERESPAZOS. A Coruña, 22/11/2017
Fillos da Afouteza, 17 de maio de 2020
Estas entrada foi publicada en Uncategorized coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s