
Montserrat Muriano Rodríguez
Montserrat Muriano Rodríguez é doutora en Filoloxía Hispánica, docente na Facultade de Ciencias da Educación na área de didáctica da lingua e da literatura e implicada en proxectos vencellados coa educación para o desenvolvemento así como na innovación educativa. Alén da súa docencia e investigación está moi activa en redes sociais, especialmente a través da súa conta de Instagram @montsemurianor. É unha gran defensora do potencial das redes no ámbito educativo e, nese sentido, ten presentado varios proxectos de animación á lectura, desenvoltos nas súas materias en diversos congresos e xornadas especializadas en innovación educativa.
Pertence ao Grupo de Igualdade da Facultade de Ciencias da Educación.

Ten publicadas monografías e artigos de investigación científica tanto no campo da filoloxía como da educación. En 2019 a editorial Galaxia publica o libro Habitando historias, coordinado por ela, onde reúne os textos de dez autoras e autores que reflexionan sobre a lectura na actualidade e eses “novos modos” de ler, a través das súas propias experiencias.
Arredor do libro e da lectura conflúen voces diversas que proceden do mundo literario, da educación das bibliotecas ou da transmisión oral: Ángeles Abilleira Bardanca, Patricia Carballal, Paula Carballeira, Fina Casalderrey, Francisco Castro, Mercedes Cerdeiras Uría, Érica Esmorís, Eva Mejuto, Montse Pena Presas e Andrea Maceiras, quen nos acompañará no encontro literario e de quen falaremos a seguir.
Andrea Maceiras
Andrea Maceiras é doutora en Filoloxía Hispánica e graduada en Filoloxía Galega pola UDC. Na actualidade é profesora de lingua e literatura no Colexio Plurilingüe Compañía de María.Os seus primeiros recoñecementos como escritora chegaron coa obtención de varios premios de relatos curtos, entre eles o do seu Concello, o de Cambre, o que supuxo un moi bo comezo para a que sería a súa auténtica vocación, a de escritora. A partir de aí moitos son os recoñecementos á súa obra, que sinalamos a continuación:
En 2007 a editorial Xerais publica Proxecto Bolboreta, gañadora do I Certame de Micro novela do Concello de Soutomaior. Con Violeta Tamurana gaña o Cuarto Premio Meiga Moira e é finalista do Premio da Edición 2010 e do Premio Frei Martín Sarmiento en 2011. En 2012 publica O segredo do lagarto Arnal, Baía Edicións. Coa súa novela Nubes de evolución é finalista do Premio Fundación Nova Caixa Galicia en 2011 e gañadora de Fervenzas literarias en 2014. A súa novela Volverás, golfiño, publicada por Xerais en 2014, foi a novela de literatura infantil e xuvenil máis vendida de febreiro dese ano. Miña querida Sherezade foi a gañadora do VI Premio Meiga Moira de Baía Edicións, finalista dos Premios da Edición AGE e Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil de 2014. Europa Express acadou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil de 2015. Obtivo o recoñecido Premio Lazarillo en 2018 con Conta nove estrelas. Nese mesmo ano publica en Xerais O que sei do silencio, finalista do Premio Raíña Lupa 2017 e que xa vai pola quinta edición; foi traducida ao español e publicada pola editorial Algar en 2020. No ano 2020 recibíu o premio dos Clubs de Lectura das Bibliotecas Escolares, do que a propia autora se sinte moi orgullosa, por ser un recoñecemento outorgado polas propias lectoras e lectores, así como o recoñecido Premio Merlín de editorial Xerais por A folla azul.








Patricia Carballal Miñán é docente na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, na área de Métodos de Ensino da Lingua e a Literatura. Doutora en Estudos Hispánicos, coa tese El teatro de Emilia Pardo Bazán: datos para su historia escénica y para su recepción crítica. A súa investigación está centrada na historia da literatura galega e española, especialmente a literatura infantil e xuvenil e a literatura oral.Ten publicado numerosos estudos teóricos, así como artigos de opinión en prensa, como o xornal Praza pública.
Queres coñecer máis sobre as autoras e a súa obra?
- Habitando historias. Post en Lecturafilia.
- Entrevista a Andrea Maceiras que Alicia Louzao realizou para a revista OcultaLit, sobre a novela xuvenil O que sei do silencio (30 de agosto, 2018)
- Crítica de Alicia Louzao en Deinós Critical Journal
- Recensións críticas de Ramón Nicolás á obra de Andrea Maceiras, publicadas no seu espazo Caderno da crítica.