Verónica Martínez Delgado medra na terra de Valdoviño, en A Frouxeira, nutrida pola seiva galega, vasca e andaluza. A súa infancia transcorre inmersa nunha sociedade patriarcal onde a violencia e o medo serán muros a derrubar coa lectura e a escrita, así coma coas súas inquedanzas polas artes plásticas, danza e música. Desde moi nova comeza a escribir os seus primeiros poemas coma refuxio, bálsamo e loita, e acada premios en certames con tan só 14 anos . Abandona a casa familiar para mudar a Compostela, onde estuda historia da arte, substancia e pouso na súa obra. Logo marcha a Madrid na procura de novas oportunidades e coa idea de abrir novos camiños profesionais. Alí traballa en museos e galerías de arte, e será a galería Sargadelos un elo que a unirá á súa terra, ou outro será o grupo Bilbao. Regresa a Galicia onde reside actualmente, dedicándose ao ensino e á escrita. En 2016 defende a súa tese sobre Isidro Parga Pondal.
O que escribo é ante todo sincero. Falo de mundos oníricos, ferintes e cotiáns. Adoita tratarse dunha poesía sensorial, emotiva, chea de imaxes, a arte e a natureza son referencias constantes na voz que fala, e de paisaxes vividas e de saliva. Sempre hai un momento, para as obsesións, para a liberdade, para a beleza, para o erotismo, para recordar con nostalxia o pasado e o futuro perdido. A emoción vólvese concepto no tacto. É intenso o achegamento á esencia do visible, á mestura entre dor e pracer, á paixón sen medida ata acadar o desbordamento da escrita. Normalmente escribo dun modo moi pouco profesional, cando xa non me resta outro modo de expresarme, e serve como catarse, como evolución ou involución pero cara adiante, mirando de fronte á luz, a luz devastadora desde a consciencia. (Autopoética, Web da AELG)
Nos seus inicios formou parte do Batallón literario da Costa da Morte e deses primeiros anos son os libros de poemas: Había tantos homes lilas, que obtén o I Premio de poesía Francisco Fernández del Riego do IV Certame de 1996; Deshabitada e sen verdugo, de novo co mesmo premio que o anterior no 1997, publicado en 2002 e Desterrada do meu corpo (Accésit I Premio de Poesía Letras de Cal de 2001 e Premio do Concurs de Poesía Jove de Alzira de 2000). Logo virán Cara a un solpor de gatos (III Edición do Premio de Poesía Afonso Eanes do Cotón 2004) e O ladrón de almas (Mención de honra no certame de poesía GZcrea 2006 recollido en Isto é un poema e hai xente detrás), Refuxio (2006, publicado en 2013 por Toxosoutos) e Cartapedra (2008, publicado en 2013). Tamén deste tempo é o relato Mañá, se cadra non será un día máis, co que é galardoada no VII Concurso de relatos breves Repsol de 1994.
Logo desta intensa produción literaria chega un silencio editorial, non de creación, que remata en 2012 coa saída á luz de Lusocuria, obra que unha nova etapa na súa traxectoria, se cadra de maior subversión e compromiso coa loita contra todo tipo de manifestacións de violencia contra a muller e, asemade, de ruptura coa ILG e o comezo da escrita en galego internacional.
En 2013 sae do prelo Obra reunida (1994-2008), publicada en galego e castelán en Madrid por Amargord, na que están recollidos poemas inéditos e de xuventude así como as obras: Había tantos homes lilas, Cara a un solpor de gatos, O ladrón de almas e Refuxio. Tamén nese ano sae Ode à Madison Ivy e outras coisas de meter (Accésit VIII premio de poesía erótica Illas Sisargas 2013).
En 2014 gaña, xunto a Alberte Momán, o IX Certame de poesía erótica Illas Sisargas co poemario a catro mans A outra voz (2015).
Outro poemas galardoados son Xa non hai máis (Certame de poemas de amor de Foz de 2014), Test de embarazo positivo (II premio no Certame Literario Rosalía de Castro A.C. Rosalía de Castro de Cornellá) e Habitación compartida no materno-infantil (categoría de Poesía no X Concurso Literario do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia “Rosa de Cen Follas”).
Ten numerosas participacións en obra colectiva e colabora en revistas e portais literarios con ensaio e crítica literaria: Madrygal: Revista de Estudios Gallegos, Dorna, Ólisbos, Festa da Palabra Silenciada, Arraianos, Olga, Palavra comum ou Praza.
Martínez Delgado, Verónica (2005). Ladrón de almas. Dorna: Expresión Poética Galega, (30), 38-40.
— (2008a). Covarde. Dorna: Expresión Poética Galega, (32), 66.
— (2008b). Dime cales sos as coordenadas. Dorna: Expresión Poética Galega, (32), 65.
— (2008c). Era unha dor tan profunda. Dorna: Expresión Poética Galega, (32), 64.
— (2015). Visión de xénero na crítica literaria galega feita na Galiza. Madrygal: Revista De Estudios Gallegos, (18), 57-59. Disponíbel en http://revistas.ucm.es/index.php/MADR/article/view/48856/45592
Martínez Delgado, Verónica e Momán Noval, Alberte. (2013). Carta de lisboa: Un portugal de seu. Grial: Revista Galega De Cultura, (200), 100-101.
É unhas das segadoras do plataforma de crítica literaria A sega, desde a que sacha na nosa terra, para facer agromar literatura de calidade, subalterna, soterrada baixo a pegada hexemónica patriarcal. Nesta liña de ocupación do espazo público negado están moitos dos seus escritos en revistas e outras canles de difusión. Adoitamos escoitar a súa voz transgresora en recitais poéticos e conferencias:
A seguer indicamos algunhas páxinas nas ampliares información sobre esta autora:
Gladys Cagiao Conde, L. (2018). Verónica martínez delgado: Unha poeta do século XXI nas marxes do sistema.Revista De Lenguas Y Literaturas Catalana, Gallega Y Vasca, 22, 103. doi:10.5944/rllcgv.vol.22.2017.20852
Cuestionario fou(cinha) (A Sega, 01-1-2019)
Cuestionario Proust (Caderno da crítica, 5-3-2014)