Laura Rey Pasandín forma parte dunha estirpe de mulleres bravas, afeitas a loitar nunha sociedade patriarcal, na que a muller sementaba, atendía o gando, coidaba de toda a familia, percorría grandes espazos a pé para vender o produto do seu traballo, polas casas, nas feiras e mercados. Nace na Coruña en 1980, é técnica superior en Integración Social, Educadora Social e licenciada en Psicopedagoxía. Xa dende nena enchía diarios con pequenos textos e poemas, mais non sería ate o ano 2016 cando toma a decisión de chegar ao espazo público coa súa obra. É nese ano que se presenta ao certame de poesía da biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, co poema “dime ti”. Acada o primeiro premio na categoría de lingua galega. Uns meses despois chega a súa primeira novela, As mans da terra, publicada na editorial Toxosoutos. (Rey Pasandín, 2017 e 2018)
Dime ti!
Escuma salvaxe!
cantas máis vidas collen en ti?
Non ficou a guerra ao marchar
Onde está agora o arca de Noé?
E que facer máis que rezar?
Dime ti,
Guerra cruel!
cantas vidas rematan na terra?
Impasibles deambulamos,
baixo o diluvio sen choiva.
E que facer máis que rogar?
Dime ti
Fronteira da vergoña!
Sobre as dignidades rotas,
espidos sen historia
abrígome do teu frío
E que facer máis que berrar?
Dime ti!
Fillos sen pais!
Identidades perdidas
corpos encadeados de impotencia,
calzados con pés de barro
E que facer máis que esperar?
Dime ti!
Ansiolítica sociedade!
Cando vas espertar?
Durmido o sentir,
so respirando para si.
E que facer máis que chorar?
Dime ti!
Mar revolto!
Rebelión das túas augas
seguen a bater nos penedos
non poden con máis horror,
E que facer máis que amparar.
(Laura Rey, 2016)
As mans da terra é unha obra que xira en torno a unha estirpe de mulleres, afoutas e botadas para adiante, como o foron a avoa e a nai de Laura. Maruxa, a súa protagonista, é unha muller do agro, cos seus segredos e feridas. Unha homenaxe á súa avoa, María Regueiro Calza, emprendedora e loitadora, referente para a autora. En palabras de Laura Rey, a novela fala da “muller ao longo de todo un ciclo vital, do rural, da opresión e o fascismo, da violencia (…), da diversidade funcional, da diversidade sexual, das nais e das sogras (…) da infancia, mais tamén da amizade. (Alexandre Bóveda, 21 de xaneiro de 2018).
E lendo a novela vennos á memoria todo ese mundo rural que nos traía Neira Vilas en Memorias dun neno labrego, máis tamén Maxa en Adios María, de Xohana Torres.
Referencias
A.C. Alexandre Bóveda (21 de xaneiro 2108). Presentación de “As mans da terra”. [Arquivo de vídeo]. Recuperado de https://youtu.be/xQIPFMi-fQ4
Rey Pasandín, L. (2017). Autobiografía. En AELG. Recuperado de http://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/laura-rey-pasandin
Rey Pasandín, Laura (8 de marzo de 2018). A avoa Maruxa [post de blog]. Recuperado de https://www.acalexandreboveda.gal/avoa-maruxa/
Máis información na web da AELG.