Achégase o outono, é tempo de castañas e cogumelos, de follas secas e terra mollada, de ourizos, esquíos, raposos e caracois… e, por suposto, de boas lecturas cos pés envoltos nunha manta. Retomamos o clube despois do paréntese estival, cunha obra que aínda ule a sal, Coma unha áncora, de Iria Collazo. E o día 15 de outubro, ás 18 horas, poderemos falar devagar con ela no noso Recuncho de lectura.
Dende este curso temos una nova colaboración no clube, a editorial Galaxia, que nos vai botar una man nestes tempos de crise e recortes, e agradecemos persoalmente a Francisco Castro esta axuda, a quen teremos con nós no vindeiro encontro. Seguimos, ademáis, contando coa axuda económica do SNL da UDC.
Iria Collazo naceu en Barro en Pontevedra) en 1981, aínda que desenvolve a súa vida no Morrazo, onde vive e crea abalada por ese mar que lle da alento. Licenciose en Filoloxía Galega na Universidade de Vigo acadando o Premio Extraordinario de Fin de Carreira. Hoxe é profesora de Lingua e Literatura Galega no IES As Barxas, de Moaña, onde participa en numerosos proxectos de achega ao alumnado á lingua, ás letras, á música, e en xeral ás artes, escribindo letras para cancións e contos que despois se materializan en videocreacións do Obradoiro Músicasbarxas. Trátase de propostas realizadas con Luz Beloso, artista e docente no mesmo IES, e que son moi ben acollidas pola rapazada do centro. Aquí podedes ver algún exemplos.
Muller lamprea -2º aventura- Animación stop motion creada a partir dun conto de Iria Collazo
Con que palabras che hei cantar, con letra de Iria e música de Seso Durán.
Coma unha áncora, é a súa primeira novela, unha obra para público xuvenil e adulto, publicada por Galaxia na colección Costa Oeste. Non desvelaremos a trama, máis si adiantamos que é una historia de amor, de mar e mariñeiros, de ilusións e tamén tristura, naufraxios e misterio. Podedes ler máis sobre o seu contido no artigo publicado por Ana Galloso Ramón en El Correo gallego.
Máis información sobre Iria e a súa obra en