Benqueridas lectora e lectores: vémonos a semana que vén para falar de Julio Cortázar.
Cando me propuxeron a posibilidade de dedicar unha das sesións do voso club ao escritor arxentino, nacido en Bruxelas e media vida residente en París, de quen este ano se celebra o centenario do nacemento, aceptei axiña porque é autor sobre o que levo traballado e investigado moito e, sobre todo, porque é un dos escritores que máis me gusta e que máis quero.
A proposta supoñía elaborar unha relación de relatos, de acceso dixital, que puideran ofrecer unha visión o máis ampla posible dun escritor con moita e moi variada obra publicada, que probou con todos os xéneros, con diferentes rexistros e matices.
Parecíame que a proposta debía centrarse nos relatos, porque é neste formato narrativo no que dá o mellor de si, aínda que non debemos desbotar as novelas, a poesía, o ensaio ou o seu extraordinario traballo de tradutor.
Dunha selección inicial de 16, quedaron estes dez que nos permiten un aproximar ao seu xeito de escribir e, sobre todo, a algunha das características da súa literatura: o territorio difuso entre o real e o fantástico, o desdobramento da personalidade, as perspectivas múltiples, o animal como totem ou tabú, o compromiso, o diálogo entre o lado de “acá” e o lado de “alá”. Pero tamén, e isto era teima particular, procurar comprender como é que vía el aos galegos, xente coa que conviviu e que quixo. O abano abrangue dende relatos do primeiro libro, Bestiario, ata o último relato do último libro publicado en vida. Destacar “Prosa del observatorio”, texto de difícil ubicación, sobre o que a crítica literaria non atopa consenso para situalo no conxunto da obra, optando uns por incluilo nos relatos, outros na poesía e outros no ensaio ou nese xenérico “outros textos”, que a el moito lle gustaba e que denominaba “misceláneas”.
Quedaron fóra da lectura os cronopios, pero estarán connosco o xoves da vindeira semana, porque eu penso falar deles e da súa singularidade.
Espero que gocedes coa lectura. Eu volvín ler todos os textos estes días e afírmome na idea de que é un escritor que nunca se esgota, que cada vez produce unha alegría, unha sensación, unha emoción diferente, sempre enriquecedora.
Francisco X. Fernández Naval